Corrubedo celebrou os seus 1.100 anos cunha gran peallada

Corrubedo celebrou os seus 1.100 anos cunha gran peallada
Corrubedo celebrou os seus 1.100 anos cunha gran peallada

A acción estivo organizada pola Asociación Corrubedo XI Séculos

O pobo de Corrubedo conmemorou o domingo os 1.100 anos da primeira referencia escrita a este topónimo cunha gran paellada que reuniu a trescentas persoas nunha carpa habilitada na explanada portuaria. A acción estivo organizada pola Asociación Corrubedo XI Séculos como un dos principais actos a realizar no transcurso do 2019 para render homenaxe á doazón por parte do rei Ordoño II de León do coto de Corrubedo aos monxes do mosteiro de Antealtares, custodios do sepulcro do Apóstolo Santiago.

Logo do xantar (ademais de paella, houbo mexillóns e tarta de Santiago) procedeuse á proxección dun documental, elaborado por Maxi Franco e Montserrat Gutiérrez, que combina espectaculares imaxes aéreas con fotografías antigas para retratar o “alma de Corrubedo”, en palabras do seu guionista, o historiador local Francisco Sánchez Fraga. A estrea deste vídeo estivo precedido dunha breve entrevista nas que tanto o propio Fraga, como Fernando Vilariño e Antonio Freire (este último, presidente da asociación) explicaron o porque deste programa de celebracións.

OBSEQUIOS

Acto seguido tivo lugar o apartado da entrega de obsequios a unha serie de persoas, entidades e colectivos que están a colaborar con Corrubedo XI Séculos. Entre eles, representando ao Concello o alcalde Manuel Ruiz, presente no acto, quen felicitou ao pobo por esta efeméride; Gelasio López como cura da parroquia; os referidos Maxi Franco e Monserrat Gutiérrez; a Asociación de Amas de Casa; a organización da festa de Cando Lle Cadra; e un longo etcétera.

A conmemoración concluíu coa actuación do grupo Tahúme de Olveira.

Comentarios