Padrón celebra hoxe un curso de videoxogos e animación 3D para os máis pequenos

Padrón celebra hoxe un curso de videoxogos e animación 3D para os máis pequenos
Padrón celebra hoxe un curso de videoxogos e animación 3D para os máis pequenos

Os nenos a partir de 14 anos poderán adestrarse no mundo da animación, efectos visuais, videoxogos ou realidade virtual

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan nestes meses de verán –xullo, agosto e setembro– unhas xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons, creación de App e videoxogos e animación 3D dentro do programa “TechKids”, actividade enmarcada no Plan Digitalent de Amtega e destinada a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega.

Hoxe venres celebrarase unha xornada "Videoxogos e animación 3D" en Padrón (venres-30).

O FUTURO PROFESIONAL NO MUNDO DOS VIDEOXOGOS E ANIMACIÓN 3D

Nesta edición do programa organizaranse talleres sobre creación de personaxes de videoxogos e animación 3D, en colaboración co congreso internacional “Mundos Digitales”. Os nenos a partir de 14 anos poderán adestrarse no mundo da animación, efectos visuais, videoxogos ou realidade virtual. 

Explicaranse tamén cales son os perfís profesionais que se demandan en cada un destes sectores e a formación e estudos que se deben ter para poder traballar en empresas deste sector. Ademais, relatarase dunha maneira visual e didáctica as experiencias doutros profesionais, algún deles galegos, que pensaban que desde Galicia non era posible traballar nestes sectores e que se converteron a día de hoxe en profesionais recoñecidos destas industrias.

Con esta experiencia, búscase que os rapaces vexan os gráficos 3D desde un punto de vista máis amplo, que lles permita converter a súa creatividade, conxuntamente co coñecemento da técnica e a tecnoloxía, na súa profesión, con gran futuro e gran demanda de profesionais especializados.

Comentarios