Oleiros comeza as súas festas nesta fin de semana

Oleiros comeza as súas festas nesta fin de semana
Oleiros comeza as súas festas nesta fin de semana

Sampedro salientou a actitude exemplar desta xente moza que adoptou a responsabilidade de coller as festas, propiciando un relevo xeracional e ao mesmo tempo mantendo as tradicións que veñen de antigo

A parroquia de San Martiño de Oleiros celebrará dende hoxe venres 30 de agosto ata o domingo 1 de setembro as súas Festas do Carme grazas a tres mozos que decidiron unirse e formar unha comisión para manter esta tradicional festividade. Trátase de Moisés Domínguez, Lisardo Pérez e Ernesto Pego, que hoxe no centro social da localidade presentaron a programación xunto a María Sampedro en calidade de edil de Cultura do Concello, que colabora na iniciativa.

Sampedro salientou a actitude exemplar desta xente moza que adoptou a responsabilidade de coller as festas, propiciando un relevo xeracional e ao mesmo tempo mantendo as tradicións que veñen de antigo. Moisés Domíngez explicou neste senso que se tratou de organizar unha programación ao gusto de toda a veciñanza, combinando dende actividades infantís ata actos relixiosos e amosou a súa esperanza de que todos o pasen ben en compañía de amigos e familiares.

Así, o día de hoxe venres estará dedicado á honra de San Roque e San Antonio e arrancará con dianas e alboradas para acoller despois unha misa solemne ás 13 horas e posterior procesión. Pola noite, a explanada do centro social dará cabida á actuación da orquestra Ibiza, á discoteca móbil Eme Music e a unha sesión DJ con Kike Varela.

O sábado 31 de agosto estará dedicado á Virxe do Carme e unha vez máis haberá dianas, alboradas, misa  ás 13 horas e procesión. Ademais, a xornada acollerá un maratón futbolístico no campo da trinidade con dous partidos entre o Atlético Oleiros e o Xuño, un de cadetes (11.30 horas) e outro dos xuvenís (18.30 horas).  Pola noite, a verbena estará amenizada pola orquestra Johnny Maquinaria e pola discomóbil Planet.

FESTA DA EMPANADA

Por último, o domingo 1 de setembro, haberá misa solemne ás 13 horas na honra do Santísimo Sacramento e posterior procesión con participación da Banda de Música de Caamaño. Así mesmo, o cartel contará ás 14 horas con sesión vermú que inclúe a celebración da V Festa da Empanada e a actuación do DJ Machito GT. Ás 17 horas desenvolverase na explanada do centro social unha festa infantil con inchables, tío vivo, festa da escuma ou touro mecánico e unha merendola. As festas rematarán á medianoite con lanzamento de bombas.

Comentarios
Lo más