As bibliopiscinas de Ames rematan o ano celebrando hoxe unha festa en Tapia

As bibliopiscinas de Ames rematan o ano celebrando hoxe unha festa en Tapia
As bibliopiscinas de Ames rematan o ano celebrando hoxe unha festa en Tapia

Este sábado, 31 de agosto, e coincidindo co último día das Bibliopiscinas, haberá unha festa con diversos xogos e obradoiros na área recreativa de Tapia

O mes de agosto chega ao seu fin e, con el, o servizo de Bibliopiscinas que se vén prestando dende comezos do mes de xullo nas piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro e na praia fluvial de Tapia. Este sábado, 31 de agosto, e coincidindo co último día das Bibliopiscinas, haberá unha festa con diversos xogos e obradoiros na área recreativa de Tapia. O Concello de Ames desenvolve o servizo de Bibliopiscinas dende hai 17 anos, achegando ás familias amesás libros, xogos, contos, xoguetes e varias actividades ás zonas de baño do concello durante os meses de xullo e agosto.

O servizo de Bibliopiscinas chega ao seu fin nas piscinas descubertas de Bertamiráns e Milladoiro, así como na área recreativa de Tapia. Esta iniciativa, impulsada pola Concellaría de Cultura, ten como obxectivo achegarlle á veciñanza os servizos tradicionais das bibliotecas a estas zonas de ocio, para que poidan gozar dos libros, xogos, contos, xornais e outras actividades mentres se refrescan.

A festa de clausura das Bibliopiscinas realizarase este sábado, 31 de agosto, de 16.00 a 20.00 horas, na praia fluvial de Tapia. Ao longo da tarde desenvolveranse diferentes actividades como un taller de maquillaxe, un xogo de bingo infantil, un obradoiro de globoflexia e outros xogos para que os nenos e nenas pasen unha tarde entretida. Ademais, haberá outro tipo de sorpresas que para descubrilas haberá que acudir á festa.

Este servizo de animación á lectura que se está levando a cabo durante o verán nestas zonas de ocio do municipio dan continuidade ao programa de animación á lectura que se desenvolve nas bibliotecas durante o resto do ano. A través desta iniciativa, a Concellaría de Cultura trata de facer máis divertidas as tardes de sol para pais, nais e fillos, ao tempo que busca incentivar o hábito da lectura. Este ano, ao igual que en anteriores edicións, este servizo é prestado pola empresa amesá Órbita Infantil.

Este servizo conta con monitores e monitoras especializadas, que supervisan un amplo abano de actividades como contacontos, obradoiros, manualidades, murais, etc. Asemade, cóntase con libros, xogos tradicionais, xogos de mesa e demais xoguetes. Mediante esta iniciativa búscase fomentar o hábito lector entre a poboación infantil do concello dun xeito lúdico-recreativo, lonxe do marco cotiá dos colexios e estudios.

A concelleira de Cultura, Natividade González, destaca que “un ano máis a acollida deste servizo por parte dos usuarios e usuarias foi moi positiva, despertando a curiosidade de novos bañistas e potenciais lectores, tendo en conta que non foi o mellor verán debido ás condicións meteorolóxicas dalgún dos días. Sabemos que esta festa de despedida é moi esperada polos incondicionais amantes do río e das bibliopiscinas de Ames, e de seguro que vamos a ter un broche final a un día espectacular, no que ao tempo se refire e á diversión dos nenos e nenas”.

Comentarios
Lo más