A Biblioteca Afundación Santiago comeza un novo curso

A Biblioteca Afundación Santiago comeza un novo curso
A Biblioteca Afundación Santiago comeza un novo curso

Está dirixido ao público infantil e xuvenil e dará comezo a partir de hoxe luns 2 de setembro

A Biblioteca Infantil de Afundación en Santiago de Compostela (rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16) dará comezo a partir de hoxe luns 2 de setembro a un novo curso de propostas dirixidas a un público infantil e xuvenil. Ata o día 11 de setembro, o horario de apertura será de 10:00 a 14:00 horas, mentres que a partir dese día, e cadrando coa volta ás aulas, pasará a operar xa na súa franxa habitual: de luns a venres de 16:30 a 20:30 horas e os sábados de 10:30 a 13:30 horas. 

Co inicio deste novo curso preséntanse tamén na biblioteca todas as novidades bibliográficas en galego dos últimos meses. Todas as persoas con carné da Biblioteca Afundación de Santiago de Compostela poden solicitar en préstamo a domicilio de 15 días un total de tres volumes, xa sexa en formato libro ou dixital. 

A actividade de máis demandada da biblioteca, A hora do conto, volverase realizar todos os martes ás 18:30 horas, así como todo o completo programa, incluíndo as visitas escolares con reserva previa, que ao longo do curso se articula para fomentar nos novos públicos a afección á lectura. 

Todas as novidades da Biblioteca Afundación de Santiago de Compostela están dispoñibles no boletín que se remite, consonte subscrición, mensualmente ou ben na propia páxina web de Afundación. 

A Biblioteca Afundación de Santiago de Compostela é a biblioteca especializada en literatura infantil e xuvenil máis antiga de toda España fundada en febreiro de 1974. Entre os seus fondos conta con toda a produción deste campo publicada en lingua galega ata o momento. Dirixida especialmente a nenos e nenas maiores de catro anos e menores de 18, conta tamén con usuarios doutro perfil como pais e nais, profesorado ou estudantes de maxisterio. Para todos estes perfís de usuarios, ofrécense servizos de información bibliográfica, guías de lectura e préstamo de libros e audiovisuais. O fondo actual é de case 20.500 libros e 700 DVD e durante todo o ano oferta un amplo abanico de actividades de animación á lectura dirixidas aos máis pequenos.

Comentarios