"Influencer de taberna" no Centro Empresarial do Tambre

"Influencer de taberna" no Centro Empresarial do Tambre
"Influencer de taberna" no Centro Empresarial do Tambre

Inés Silvalde expón os seus modelos “robóticos”, co humor e a ironía como vehículo de unión e pinturas inspiradas nas revistas do corazón e as redes sociais

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará hoxe luns, 2 de setembro, a exposición de pintura “Influencers de taberna” da artista Inés Silvalde. O acto celebrarase ás 20:00 horas no Centro Empresarial do Tambre e contará coa asistencia do membro da xunta directiva da asociación empresarial, Manuel Nieto. A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 27 de setembro.

“Influencers de taberna” é o título que acolle a unha serie de obras que verán por primeira vez a luz na asociación de empresarios do Tambre, onde se amosarán medio centenar de pinturas en acrílico e óleo e ilustracións. Estes traballos son o resultado da procura de novos códigos artísticos por parte da artista ao longo do período 2018-2019.

Coincidindo coa xestación do seu fillo, nace en Inés Silvalde a necesidade de empregar novas formas e cores coas que desenrolar a súa traxectoria artística. Dalgún xeito, a artista explica que precisaba poñer en crise a súa “zona de confort” en canto á técnica e recursos para poder configurar unha nova forma de traballo.

As obras da mostra divídense en catro partes, segundo o período de creación: unha primeira parte onde aparece a forma fronte ao significado; unha segunda parte onde o significado prevalece fronte á forma; unha terceira onde a artista da outra volta as súas creacións; e unha última e cuarta parte onde xorde a fusión plástica.

“Esta serie de obras son o resultado de dous anos de traballo nun proceso de exploración a nivel formal e estético no que a figura humana é a principal protagonista” –sinala a artista–. As súas pinturas mostran a persoas que viven na sociedade actual nun proceso de continua busca do auto coñecemento e autoafirmación, e nas que o humor e a ironía son os principais vehículos que unen todas as obras.

Principalmente, a artista asegura que o seu interese por mostrar estas obras está no fin de espir a evolución do seu proxecto pictórico, que expón con todas as súas fases de creación, “algunhas pezas con máis ou menos interese, pero todas sinceras e fieis ás etapas ás que pertencen”. 

Comentarios
Lo más