Un total de 530 persoas participaron na XXXI Festa dos Maiores de Brión

Un total de 530 persoas participaron na XXXI Festa dos Maiores de Brión
Un total de 530 persoas participaron na XXXI Festa dos Maiores de Brión

A festa estivo presidida polo alcalde de Brión, José Luís García, que foi o encargado de dar a benvida a todos os participantes

Un total de 530 persoas, maiores de 65 anos e os seus cónxuxes ou parellas, participaron onte domingo 1 de setembro na edición número 31 da Festa dos Maiores de Brión, unha das máis antigas que se celebran en Galicia. O tempo acompañou, o que fixo que o baile de fin de festa se estendera ata ben pasada a tarde xa que non foron poucos os veciños e veciñas que se animaron a botar unhas bailas a pesar da calor.

A festa estivo presidida polo alcalde de Brión, José Luís García, que foi o encargado de dar a benvida a todos os participantes. Despois celebrouse unha misa no patio do IES de Brión, que deu paso ao tradicional xantar de confraternidade no pavillón polideportivo de Pedrouzos servido polo restaurante A Magdalena. Un xantar onde as persoas participantes recibiron un paraugas como agasallo conmemorativo da festa. 

A música correu a cargo de Ruth Gundíns, cantante brionesa finalista no Recantos do Luar. A misa estivo amenizada polo Coro Briame, composto por rapaces e rapazas de Brión e Ames.

Comentarios