A Xunta Local de Seguridade de Rianxo acorda a incorporación da Policía Local ao sistema Viogen

A Xunta Local de Seguridade de Rianxo acorda a incorporación da Policía Local ao sistema Viogen
A Xunta Local de Seguridade de Rianxo acorda a incorporación da Policía Local ao sistema Viogen

A Garda Civil informou  tamén sobre o dispositivo de seguridade para as vindeiras Festas da Guadalupe

O Concello de Rianxo acolleu onte a reunión da Xunta Local de Seguridade, na que se acordou a incorporación do corpo da Policía Local do Concello ao sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero VIOGEN así como a creación da Mesa Local de Coordinación Policial contra a violencia de xénero.

Estos dous acordos supoñen un paso adiante na loita contra esta lacra. Cando se formalice a adhesión ao Protocolo Viogen, os axentes da policía local poderán colaborar coa Garda Civil de xeito máis eficaz e directo, o cal beneficiará en último caso ás mulleres que nestes intres sufren algunha amenaza de violencia machista en Rianxo. Dende a Subdelegación do Goberno en A Coruña destácase este avance lembrando que en Rianxo hai activos once casos deste tipo no sistema Viogen.

Ademais desta decisión, a Xunta Local de Seguridade aprobou a constitución da Mesa Local de Coordinación Policial na mesma materia. Este órgano de cooperación servirá para mellorar a colaboración entre as forzas de seguridade presentes no Concello e incidirá nunha mellora dos operativos de protección e seguimento. 

Por último, dende a Xunta Local acordouse impulsar unha Mesa de Coordinación Institucional en Rianxo sobre violencia de xénero. Este organismo, que ten que aprobar o Concello, serve para poñer en común as inquedanzas, necesidades e recursos dos que dispoñen as diferentes administracións e institucións para prevenir e loitar contra a violencia machista no ámbito do concello de Rianxo.

OUTROS ACORDOS

No encontro informouse sobre o dispositivo de seguridade previsto pola Garda Civil para os festexos da Guadalupe, aos que tamén se desprazará a Unidade de Seguridade Cidadá da Comandancia da Coruña. 

Na Xunta Local analizáronse tamén os datos de delincuencia rexistrados en Rianxo nos primeiros meses do ano.Os datos aportados pola Garda Civil apuntan a un descenso dun 1,39% do número de infraccións penais cometidas de xaneiro a xullo en comparación co mesmo período do ano pasado. Con estas cifras, Rianxo segue a manter una taxa de criminalidade moi inferior á media da provincia.

A reunión de onte no Concello foi presidida polo alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e contou coa asistencia da vicesecretaria xeral da Delegación do Goberno, Eva Vázquez, acompañada pola xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, Maria Isabel Álvarez ; o xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña e o capitán da Compañía de Noia e responsables de Policía Local e Autonómica, entre outros asistentes.

Comentarios
Lo más