Comeza a licitación para mellorar a área deportiva do pavillón de Bertamiráns

Comeza a licitación para mellorar a área deportiva do pavillón de Bertamiráns
Comeza a licitación para mellorar a área deportiva do pavillón de Bertamiráns

A través destas actuacións vaise a construír un nova pista de pádel, unha pista polideportiva exterior e dous vestiarios no interior do pavillón. Estas obras están incluídas no POS+ 2019

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación das obras de rehabilitación da área deportiva de Bertamiráns e dos vestiarios do pavillón polideportivo desta mesma localidade. A través destas actuacións vaise a construír un nova pista de pádel, unha pista polideportiva exterior e dous vestiarios no interior do pavillón. Estas obras están incluídas no POS+ 2019. Os proxectos, que contan cun orzamento de 164.355,86 euros, están licitados en dous lotes diferentes, pero incluídos no mesmo expediente de licitación para axilizar a súa tramitación. 

Na área deportiva de Bertamiráns vaise actuar principalmente na pista de tenis, que está ao carón do pavillón polideportivo, da piscina descuberta e do campo de fútbol. Deste xeito, vanse a tirar os muros existentes e mailas gradas desta pista de tenis que se pasará a ser un espazo aberto no que se construirá unha nova pista de pádel e unha nova pista polideportiva exterior.  A pista de pádel disporá dun peche perimetral executado con piares de aceiro laminado de catro metros de altura e catro puntos/torres de iluminación, mentres que a pista polideportiva disporá dunha grada prefabricada e catro puntos de luz. Este proxecto conta cun orzamento base de contratación de 101.790,40 euros. 

Ademais, contémplase a construción de dous vestiarios, un para homes e outro para mulleres, no interior do pavillón municipal. O acceso realízase desde o vestíbulo que une o exterior do pavillón, zona da piscina coa pista interior, de forma que poidan acceder os usuarios da piscina, do anexo do pavillón e do propio pavillón. Os vestiarios teñen unha zona de bancos e ao fondo unha zona de duchas colectivas. Tamén se ten previsto acondicionar o espazo que actualmente se utiliza como almacén dos socorristas. Este proxecto conta cun orzamento base de contratación de 62.565,46 euros.

Estes proxectos únese ao proxecto, xa executado, de ampliación do pavillón de Bertamiráns, que conta cun anexo dotado cunha nova sala de ximnasio e unha pista de squash cuberta. Neste proxecto investíronse 97.795. Ademais, debido a falta de espazos deportivos o goberno municipal ten previsto nos próximos anos ampliar o pavillón municipal cunha nova pista polideportiva cuberta. Para este proxecto estase buscando financiamento.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, explica que o Concello de Ames aposta polo fomento do deporte e engade “todas as melloras que se fagan nas instalacións deportivas existentes, así como os proxecto novos que se executen son moi necesarios, xa que hai unha alta demanda de instalacións por parte dos/as usuarios/as”.

Comentarios
Lo más