O CiTIUS recibe hoxe a Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago

O CiTIUS recibe hoxe a Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago
O CiTIUS recibe hoxe a Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago

Entre as cuestións que se tratarán na visita figura unha revisión do estado de ‘Smartiago’, o proxecto de cidade intelixente de Santiago de Compostela

CiTIUS e Concello de Santiago de Compostela reforzarán a colaboración que manteñen coa visita do novo alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo. O rexedor compostelán manterá a partir das 12:00 un encontro de traballo con Senén Barro, director científico do centro, que se encargará de trasladarlle o estado dos proxectos nos que colaboran desde hai anos, así como de valorar novas iniciativas que permitan reforzar as liñas de cooperación entre ámbalas dúas institucións.

Entre as cuestións que se tratarán na visita figura unha revisión do estado de ‘Smartiago’, o proxecto de cidade intelixente de Santiago de Compostela para resolver retos de cidade ligados á sustentabilidade ambiental e patrimonial. 

A finais de 2017, o pleno do Concello de Santiago aprobou por unanimidade a firma dun convenio co Ministerio de Economía e Empresa para dedicar 12,36M€ á mellora da sustentabilidade en tres servizos públicos fundamentais: residuos e limpeza viaria, mobilidade e iluminación pública e conservación patrimonial; unha iniciativa con participación do CiTIUS e cuxo foco está posto na sustentabilidade, baseándose en conceptos de economía circular, internet das cousas (IoT) e intelixencia artificial (IA).

Xosé Sánchez Bugallo manterá hoxe unha reunión coa dirección e os investigadores do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC). / CiTIUS. Sánchez Bugallo coñecerá tamén as últimas novidades de TRAFAIR (‘Understanding Traffic Flows to improve Air Quality’), un proxecto europeo destinado á mellora da calidade do aire no que participan Santiago de Compostela, o CiTIUS e o CESGA, amais doutras cinco cidades e centros de investigación europeos.

Asemade, os investigadores do CiTIUS amosarán ao alcalde de Santiago algúns dos últimos desenvolvementos do centro ao longo dunha visita que incluirá «demostracións tecnolóxicas punteiras de interese para a cidade», como o seguimento visual automatizado de obxectos e persoas, ou novas técnicas con sensores LiDAR para a identificación de roteiros escolares seguros para peóns.

Comentarios