Galicia está libre da nova carne contaminada pola listeriose

Galicia está libre da nova carne contaminada pola listeriose
Galicia está libre da nova carne contaminada pola listeriose

A Consellería de Sanidade, por medio da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, está en permanente contacto coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria diante desta nova alerta

Diante da nova alerta de listeriose declarada en Andalucia por consumo de carne mechada da marca Sabores de Paterna, a Consellería de Sanidade está en permanente contacto coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición, a través do Sistema Coordinado de Intercambio Rápido de Información (SCIRI), quen trasladou á Dirección Xeral de Saúde Pública do departamento sanitario autonómico galego que o produto obxecto desta nova alerta non foi comercializado en Galicia, segundo informou a AESAN.

Sanidade recorda que son os operadores comerciais os responsables de identificar os perigos dos alimentos que comercializan e adoptar as medidas de control necesarias para eliminalos ou reducilos a niveis aceptables para a saúde. 

Os servizos de inspección da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade son os encargados de verificar que os operadores comerciais cumpren coas súas obrigas, isto inclúe controis oficiais como as inspeccións, as auditorías e a mostraxe aleatoria dos alimentos e a súa análise, para comprobar que as empresas cumpren os requisitos legalmente establecidos. No caso contrario, lévanse a cabo as medidas necesarias para que o fagan. Estas verificacións realízanse a través das inspeccións que se fan dentro da execución do Plan Nacional de Control da Cadea Alimentaria en Galicia.

O plan antes sinalado ten unha serie de obxectivos xerais, como comprobar que os alimentos que chegan á cidadanía son seguros e de calidade, facilitando a promoción da industria alimentaria e eliminando ou reducindo a niveis aceptables os riscos presentes nos alimentos. Entre os obxectivos tamén está a defensa dos dereitos dos consumidores, ademais de garantir un elevado nivel de calidade alimentaria; así como o cumprimento dos requisitos en materia de información alimentaria obrigatoria.

Comentarios