O Pino cubrirá o parque infantil da praza de Forcarei e mellorará o firme da estrada de Budiño

O Pino cubrirá o parque infantil da praza de Forcarei e mellorará o firme da estrada de Budiño
O Pino cubrirá o parque infantil da praza de Forcarei e mellorará o firme da estrada de Budiño

O pleno aproba por unanimidade os dous proxectos do plan adicional do POS+, que supoñen 260.000 euros de inversión

O pleno extraordinario celebrado onte no Pino aprobou por unanimidade dos tres grupos políticas as obras do plan adicional ao POS+, que inclúen a mellora da capa de rodadura da estrada de Budiño, que comunica a N-634 co límite de Oroso, e tamén instalar unha cuberta no parque infantil da praza de Forcarei, que está xunto a escola infantil A Galiña Azul de Arca. Ambas obras supoñen unha inversión de case 260.000 euros.

A instalación da cuberta no parque infantil de Forcarei vailles permitir a nenos e nenas poder xogar durante máis días nesta zona. A cuberta mellorará as condicións para que a cativada poida seguir gozando das instalacións tanto os días de moito sol como algúns dias de choiva. A inversión para acometer esta obra ascende a 89.661,21 euros.

A outra obra aprobada polo pleno consiste en mellorar a capa de rodadura da estrada que atravesa a parroquia de Budiño, dende a N-634 ata o límite co municipio de Oroso, o que mellorará a seguridade viaria e facilitará o desprazamento interno da veciñanza. A inversión para executar esta actuación ascende 168.620,83 euros.

Nesta estrada de Budiño vaise acometer tamén a ampliación do firme en 0,75 metros a cada lado, para que o ancho total pase 4,5 ata os 6 metros. Esta obra foi xa adxudicada á empresa Oviga, por un importe que ronda os 250.000 euros, polo que as actuacións neste viaria van superar os 400.000 euros.

Unha vez aprobado polo pleno o proxecto para mellorar a capa de rodadura desta estrada, o Concello remitirá o acordo a Deputación, para que sexa aprobado polo organismo provincial antes de que o Concello poida licitar a obra, o que se espera aconteza a finais deste ano ou principios do ano que ven.

Comentarios