Conxo ten todo listo para a súa XXXIII Semana Cultural

Conxo ten todo listo para a súa XXXIII Semana Cultural
Conxo ten todo listo para a súa XXXIII Semana Cultural

Javier Fernández quixo facer un recoñecemento á traxectoria desta Semana Cultural de Conxo, nacida alá por 1986 da man da Asociación Cultural Arco da Vella

O concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, presentou a edición número 33 da Semana Cultural de Conxo, que se celebra dende este martes 10 ata o sábado 14 de setembro. Xogos, obradoiros, charlas, teatro, música e moito máis para un evento lúdico e de encontro plenamente consolidado na oferta sociocultural de Compostela.

Javier Fernández quixo facer un recoñecemento á traxectoria desta Semana Cultural de Conxo, nacida alá por 1986 da man da Asociación Cultural Arco da Vella, que "non só promoveu esta Semana Cultural, senón tamén outras moitas actividades, e foi moi importante para a construción do actual local sociocultural". Arco da Vella desapareceu 1994, pero a Semana Cultural seguiu, desta vez xa da man do Concello, que lle deu continuidade, e organizada dentro da programación do centro sociocultural.

"Hoxe é un programa máis que consolidado, enmarcado dentro das propias festas do barrio de Conxo e cunha participación moi activa da veciñanza, con propostas lúdicas e culturais para todas as idades", apuntou o concelleiro, que animou á veciñanza e a todos os composteláns e compostelás a participar nesta nova edición, na que están implicados diversos colectivos que traballan en Conxo e na cidade, ademais de veciños e veciñas do barrio.

Haberá contacontos, teatro, xogos, musica e danza tradicional, cinema en espazos singulares, un feixe de obradoiros diversos, a maioría pensado para as familias, e moitas propostas máis. Das mesmas deu conta Xulio Noia, técnico municipal responsable do Centro Sociocultural Aurelio Aguirre, quen subliñou que a de Conxo é unha "proposta de cultura de base aberta á cidade". Neste marco,

No calendario desta Semana Cultural destacou o programa denominado "Portas abertas", coas que o CSC quere abrir as súas instalacións a encontros e actividades de diversa índole. Arrincarán o mércores cunha sesión de lectura de contos para os máis pequenos e pequenas, e cunha sesión sobre Chi Kung. O xoves haberá un obradoiro de paxaros móbiles para a rapazada, un encontro do grupo de maiores e outro dos grupos de tempo libre. O venres, quenda para xogar ao tenis de mesa, e o sábado, actividade para as familias e outra de música tradicional.

En Conxo tamén haberá obradoiros diversos: de construción de carrilanas (martes), de acuarela experimental (xoves), de construción de papaventos (venres) e de elaboración de cervexa artesá (sábado).

No eido do teatro, haberá un laboratorio para mozos e mozas (mércores) e unha mostra de teatro mozo (venres). Ademais, o CSC acollerá unha presentación especial, a do libro O fútbol en Conxo, a cargo de Braulio Anca Coya, e a da publicación Sporting FUROCA, por Juan Lema e Alberto Vilariño.

E todo isto complementado con espazos de xogo, charlas científicas, unha xincana ciclista, cine ao aire libre, contacontos e mesmo unha baixada de carrilanas. 

Comentarios