A party informática XGN R Encounter abre as preinscripcións da súa vindeira gran cita

A party informática XGN R Encounter abre as preinscripcións da súa vindeira gran cita
A party informática XGN R Encounter abre as preinscripcións da súa vindeira gran cita

O evento, que terá lugar no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, contará de novo co apoio da Consellería de Política Social e con R como empresa patrocinadora e colaboradora

A Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá do 11 ao 13 de outubro a décimo novena edición da party informática máis importante de Galicia, a XGN R Encounter. Esta cita será a terceira con R como colaboradora e patrocinadora oficial e volverá contar co apoio da Consellería de Política Social, impulsora do evento.

Para participar na XGN R Encounter, a organización estableceu xa o seu prazo de preinscricións, que se abre hoxe, mentres que o de reservas comezará ás 10.00 h do martes 17 de setembro. Será entón cando os rexistrados poderán tamén seleccionar os seus postos, o que facilitará aos participantes que acudan en grupo situarse na mesma zona da party. O prezo de participación con reserva será de 35 euros e poderase realizar a través da web www.xgnrencounter.gal, mentres que o custo na taquilla será de 40 euros.

Nesta edición a party volve contar coas súas tres zonas: a Intranet, na que os inscritos poderán gozar dun posto con conexión á rede que lles permitirá navegar a 10 gigas de velocidade e terán dereito tanto a acampar no interior do pavillón como a participar en torneos exclusivos; a Extranet, cun completo programa de actividades tanto para rexistrados como para visitantes, e a súa zona expositiva, con presenza de empresas relacionadas co material informático, novas tecnoloxías e lecer electrónico.

Aínda que o evento comezará o día 11 de outubro, abrirá as súas portas de forma non oficial o día 10 pola tarde co obxectivo de facilitar o acceso aos inscritos e permitir que comecen a instalarse. Será unha xornada de probas técnicas e montaxe.

As tres entidades participantes neste evento están xa inmersas nos preparativos dunha edición na que se volverán a incorporar melloras e novidades, co obxectivo de situarse nuns anos como a segunda lan party máis importante de España. Unha meta na que será determinante a súa vinculación coa rede de Encounters do Grupo Euskaltel a través da súa Fundación, que vén desenvolvéndose no País Vasco desde hai 25 anos, e da que forman parte a Euskal Encounter, a Gipuzkoa Encounter, a Araba Encounter e a Technium R Encounter de Ourense.

UN PROXECTO DE CRECEMENTO

A última edición desta lan party, que se celebrou do 12 ao 14 de outubro do ano pasado, supuxo un gran paso nun proxecto de crecemento que xa comezara na súa convocatoria anterior e que en 2018 destacou pola notable cantidade e calidade das actividades, o maior confort dos asistentes e a gran estabilidade da rede.

A súa boa marcha quedou patente no aumento do número de inscritos, que ascendeu a preto de 900 fronte aos 800 da cita anterior, así como nas súas valoracións positivas e a súa altísima participación nas máis de 60 actividades celebradas no marco do evento. De igual forma, a Extranet supuxo tamén un éxito, xa que preto de 1.500 persoas pasaron polo recinto para gozar das súas numerosas propostas.

Comentarios