Críticas pola tardanza da construcción do novo comedor escolar do CEIP A Maía

Críticas pola tardanza da construcción do novo comedor escolar do CEIP A Maía
Críticas pola tardanza da construcción do novo comedor escolar do CEIP A Maía

O Grupo Municipal Popular pediu ao Tripartito que aclare a cuestión e que se garanta que o centro conte coa correspondente biblioteca

A última decisión do alcalde socialista, José Miñones, de habilitar as dependencias da biblioteca do CEIP “A Maía” de Bertamiráns como comedor escolar é "un dos bandazos do actual goberno", aseguran os populares. 

O pasado tres de setembro, o Grupo Municipal Popular, denunciaba a tardanza na construción do novo comedor escolar.  Unha infraestrutura cuxa construción “inmediata” foi anunciada no pasado mes de febreiro con claro tinte electoralista, nun período previo tanto ás eleccións xerais como municipais, e cuxo expediente de contratación aprobouse en sesión ordinaria de Xunta de Goberno Local do 24 de maio, dous días antes das eleccións locais. Un anuncio que, asemade, foi empregado en redes sociais, e no que se podía ler “coa construción do novo comedor no CEIP “A Maía” agardamos atender as necesidades de conciliación de cara ao próximo curso escolar”. 

Como resposta ante a falta do citado comedor escolar, o señor Miñones saía ao paso, como solución provisional, e anunciaba que o comedor escolar ocupará as dependencias da biblioteca escolar mentres se constrúe o novo comedor. "Unha decisión, canto menos, peculiar; propia das ocorrencias e improvisacións coas que actúa o Tripartito", afirman os de Argibay. 

Para valorar na súa xusta medida tal decisión é preciso acudir á Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio de educación, modificada por Lei orgánica 8/2013, e que fai unha mención específica ás bibliotecas escolares, sinalando no artigo 113, que “os centros de ensinanza disporán dunha biblioteca escolar”. 

No Real Decreto 132/2010, de 12 de febreiro, polo que se establecen os requisitos mínimos que os centros que impartan as ensinanzas do segundo ciclo da educación infantil, a educación primaria e a educación secundaria, establece no artigo 3.3 que, “os centros docentes que impartan a educación primaria, deberán contar cunha biblioteca, cunha superficie, como mínimo, de 45 metros cadrados”; e engade que “todos os espazos nos que leven a cabo accións docentes, así como a biblioteca, contarán con acceso ás tecnoloxías da información e a comunicación en cantidade e calidade adecuadas ao número de postos escolares, garantido a accesibilidade ás entornas dixitais do alumnado con capacidades diferentes”. 

Asemade, o vixente Decreto 105/2014, de 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, contempla a obrigatoriedade de que todos os centros de ensinanza elaboren os seus proxectos lectores do centro. Entre os requisitos destes proxectos lectores está a existencia dunha biblioteca escolar convenientemente atendida.

"É evidente que o Alcalde Miñones, líder do Tripartito, descoñece que a biblioteca escolar é un espazo educativo de transcendental importancia para o proceso de ensinanza e aprendizaxe, así como o lugar que pon a disposición do profesorado e alumnado os recursos necesarios para desenvolver ese proceso. Un recurso indispensable para a loita contra as desigualdades ao permitir, por igual, o acceso á cultura e información, arte, ocio e, por conseguinte, á formación das persoas", aseguran os populares de Ames. 

Pero neste caso vai más aló do razoable privar ao CEIP “A Maía” de Bertamiráns dun recurso obrigatorio; por todo isto, o Grupo Municipal Popular pediu ao Tripartito que aclare a cuestión e que se garanta que o centro conte coa correspondente biblioteca. 

Comentarios