O Ciclo de Lied celebra o seu vixésimo aniversario

O Ciclo de Lied celebra o seu vixésimo aniversario
O Ciclo de Lied celebra o seu vixésimo aniversario

Os abonos, que inclúen as tres citas, teñen un prezo de 18 euros, e as entradas para cada evento valen 8 euros

O Ciclo de Lied, organizado polo Concello de Santiago coa dirección da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela e o apoio da Deputación da Coruña, celebra neste 2019 o seu vixésimo aniversario. Para conmemorar a efeméride, o Ciclo fará un percorrido pola historia do xénero, tomando como punto de partida as creacións de autores como Schubert ou Beethoven, ao longo do mes de setembro, con tres recitais que se celebrarán os días 18, 23 e 25.

Os abonos e as entradas para cada concerto pódense adquirir a través da plataforma www.compostelacultura.gal ou na billeteira do Teatro Principal no seu horario habitual, aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas. Os abonos, que inclúen as tres citas, teñen un prezo de 18 euros, e as entradas para cada evento valen 8 euros. Así o adiantaron en rolda de prensa esta mañá a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o presidente da Asociación Amigos da Ópera de Santiago, Jesús Couceiro.

Na rolda de prensa de presentación do Ciclo, Mercedes Rosón valorou a traxectoria do mesmo dende 1999, ano do seu nacemento, cualificándoo como "un ciclo único en Galicia e probablemente en España", por ofrecer "unha visión diferente dun xénero escasamente difundido como é o lied.

Nesta mesma liña se pronunciou Jesús Couceiro, quen definiu a edición deste ano, polo seu "alto nivel", coma "un ciclo excelente para unha cidade excelente". Así, referiuse a presenza de "estrelas do mundo da ópera" coma Luca Pisaroni ou María José Montiel, ou á introdución este ano do ballet nun concerto dedicado a Schubert.

TRES CONCERTOS A TRAVÉS DA HISTORIA DO LIED

O primeiro dos concertos celebrarase o mércores 18 de setembro, ás 20:30 horas, no Teatro Principal, día no que o público poderá viaxar ás raíces centroeuropeas primixenias cos principais representantes de comezos do século XIX. Deste xeito, o baixo-barítono italiano Luca Pisaroni e o pianista polaco Maciej Pikulski interpretarán lieder de Franz Schubert, Johann Friedrich Reichaedt e Ludwing van Beethoven, amosando unha escolma de partituras do momento histórico de máxima plenitude do xénero.

O segundo dos recitais terá lugar no mesmo recinto e no mesmo horario o vindeiro luns 23 de setembro. O gran protagonista da velada será Schubert, cun percorrido musical que transitará pola vida e a evolución do compositor austríaco, dende a composición de Die Schöne Müllerin (1823) ata a súa Viaxe de Inverno (1827). Malia que entre ambos os dous ciclos compositivos só median catro anos, dende a óptica vivencial, trátase dun período clave na existencia e na introspección artística de Schubert, de modo que contrasta o ton optimista e fresco do primeiro ciclo lieder coa dimensión derrotista e exasperada do segundo. O concerto contará coa soprano xermana Juliane Banse, o pianista alemán Alexandre Krichel, o bailarín húngaro István Simón e o coreógrafo, tamén teutón, Andreas Heise.

O XX Ciclo de Lied despedirase no Teatro Principal o mércores 25 de setembro, ás 20:30 horas, cun concerto que centrará o foco nos novos horizontes. Neste recital que porá o ramo ao Ciclo, a mezzosoprano María José Montiel, Premio Nacional de Música 2015 e finalista dos Premios Grammy, e o pianista canario Iván Martín, darán boa conta de composicións dos españois Ernesto Halffter, Manuel de Falla, Rafael Guastavino, o francés Claude Debussy, o venezolano Reynaldo Hahn, e o brasileiro Jaime Ovalle. Ademais, neste último concerto estrearase o Tríptico Rosaliano do compositor galego Juan Durán, no que o autor explora a poesía rosaliana e a obra Follas Novas. 

Comentarios