A Asociación Área Empresarial do Tambre celebrará un curso de manexo de plataformas elevadoras

A Asociación Área Empresarial do Tambre celebrará un curso de manexo de plataformas elevadoras
A Asociación Área Empresarial do Tambre celebrará un curso de manexo de plataformas elevadoras

Forma parte do Plan de Formación de Prevención de Riscos Laborais 2019, organizados en colaboración coa CEG e a CEC e o financiamento da Xunta de Galicia

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) acolle hoxe mércores 11 e o xoves 12 de setembro un curso gratuíto de manexo seguro de Plataformas Elevadoras Móbiles de Persoal (PEMP), organizado no marco do Plan de Formación de Prevención de Riscos Laborais (PRL) 2019 en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC) e o financiamento da Xunta de Galicia. Celebrarase no Centro Empresarial do Tambre, mañá en horario de 09:00 a 13:00 horas e o xoves de 9:00 a 15:00 horas.

O curso de manexo seguro de Plataformas Elevadoras Móbiles de Persoal (PEMP) está dirixido a traballadores por conta allea, propia ou desempregados, e contará cunha parte teórica e outra práctica. O apartado teórico constará de temas como a normativa aplicable, definición dos traballos, riscos e medidas preventivas no manexo de PEMP, normas de mantemento e verificación básicas da PEMP, e análise de accidentabilidade con plataformas elevadoras. Nas prácticas, que se realizarán na explanada da Asociación, aprenderase a preparar o equipo para o traballo, faranse prácticas do seu manexo e estabilización, poñeranse en marcha medidas de emerxencia e practicarase o reabastecemento ou recargas de baterías.

A responsable do departamento de Prevención de Riscos Laborais da CEC, María Botana, explica que o Plan de Formación PRL 2019, que executa a Confederación coruñesa, enmárcase nas axudas que a Xunta de Galicia convoca para o fomento da prevención de riscos laborais na provincia. A través da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a CEC impulsa actuacións en materia de prevención para a mellora dos recursos preventivos de empresas e traballadores.

María Botana sinala que se organizan diferentes cursos ata finais do mes de outubro na Asociación Área Empresarial do Tambre. Son accións formativas con contido práctico e conceptos teóricos no manexo de equipos ou para a execución de determinadas tarefas de forma segura. “A formación en PRL contribúe a incrementar a cultura preventiva do noso tecido empresarial e por iso, as confederacións e as súas asociacións membro adquiren o compromiso de executar un plan de formación en PRL que dinamice o cumprimento preventivo” –destaca Botana–.

Comentarios