A cidade acolle este sábado a I Andaina Solidaria Asotrame

A cidade acolle este sábado a I Andaina Solidaria Asotrame
A cidade acolle este sábado a I Andaina Solidaria Asotrame

A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, presentou esta I Andaina Solidaria Asotrame, cuxa inscrición está aberta ata o xoves 12 ás 23:59 horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro sábado, 14 de setembro, a I Andaina "Asotrame fai o Camiño", organizada pola Asociación Galega de Transplantados de Medula (Asotrame) coa colaboración do Concello de Santiago. A proba arrincará no Monte do Gozo (monumento de Xoán Paulo II) ás 10:30 horas e chegará á praza do Obradoiro despois de percorrer 5 quilómetros.

A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, presentou esta I Andaina Solidaria Asotrame, cuxa inscrición está aberta ata o xoves 12 ás 23:59 horas. A inscrición ten un custo de 5 euros para maiores de 12 anos e de 2 euros para menores desta idade. Pode realizarse a través da web de Carreiras Galegas, que tamén dá acceso a un Dorsal 0 a través do que se poden facer donativos mesmo sen participar na carreira. Os primeiros 250 inscritos recibirán un agasallo. Ao finalizar a proba haberá animación na propia praza do Obradoiro.

Mila Castro aproveitou a rolda de prensa para "felicitar a asociacións como Asotrame polo labor tan importante de sensibilización e visibilización que realizan". Neste sentido, destacou o seu papel para "mellorar a calidade de vida non só dos doentes, senón tamén dos seus familiares".

Acompañou á concelleira na presentación o coordinador en Santiago de Asotrame, Mario Álvarez, tamén transplantado, quen falou sobre unhas enfermidades hematolóxicas das que dixo "existe bastante recoñecemento". E puxo como como exemplo o transplante de medula ósea, que "a xente adoita confundir cun transplante da medula espinal, cando é un procedemento moito máis sinxelo".

Comentarios