Branca Novoneyra pide que Carvalho Calero sexa nomeado fillo predilecto ou adoptivo de Santiago

Branca Novoneyra pide que Carvalho Calero sexa nomeado fillo predilecto ou adoptivo de Santiago
Branca Novoneyra pide que Carvalho Calero sexa nomeado fillo predilecto ou adoptivo de Santiago

A concelleira presenta unha moción para instar ao Goberno a deseñar un programacompleto sobre o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2020

Branca Novoneyra presentou onte a moción que Compostela Aberta levará ao Pleno de setembro para instar ao Goberno a preparar unha programación que poña en valor a figura de Ricardo Carvalho Calero, autor que será homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2020. A concelleira pediu que o escritor e filólogo sexa nomeado fillo adoptivo ou predilecto de Santiago, cidade coa que mantivo unha estreita vinculación e na que residiu en dúas etapas da súa vida.

Tal e como explicou Branca Novoneyra, “Carvalho Calero é unha figura fundamental para entender a recuperación cultural e a dignificación do galego na segunda metade do século XX, un home que destacou polo seu compromiso coa defensa da lingua e a literatura”. 

A concelleira explicou que “a vinculación do autor con Santiago foi moi estreita: na nosa universidade lincenciouse en Dereito e Filosofía, aquí mantivo unha intensa actividade intelectual e política que o levou a participar na fundación do Partido Galeguista e no proceso de redacción do Estatuto de Autonomía da IIª República; e xa despois da guerra e de estar no cárcere durante a ditadura, en 1972 conseguiu por oposición a cátedra compostelá de Lingüística e Literatura Galega acabada de crear”.

Na moción que será debatida no Pleno ordinario deste mes, Compostela Aberta urxe ao Goberno a deseñar un programa de actividades sobre Carvalho Calero que mostre todas as facetas da súa obra e a súa vinculación con Santiago e que non se limite ao propio Día das Letras Galegas, senón que se estenda a todo o ano 2020. 

Para a súa organización, CA aposta por establecer canles de diálogo e colaboración con outras institucións culturais e co tecido asociativo, así como tamén coas outras cidades nas que residiu o escritor, nomeadamente Lugo e Ferrol. Ademais, o texto defendido por Branca Novoneyra pide que o Consello Asesor de Condecoracións inicie o expediente para nomear a Carvalho Calero fillo predilecto ou adoptivo de Santiago.

Por último, Compostela Aberta pide que o Pleno inste ao Parlamento de Galicia a poñer en valor o legado do autor, organizando xornadas de portas abertas na “Sala Carvalho Calero” da biblioteca parlamentar, onde desde 1997 se conserva a súa biblioteca e arquivo persoal, con máis de 4.800 volumes.

Comentarios