Preto de 200.000 nenos comezan hoxe as clases en Galicia

Preto de 200.000 nenos comezan hoxe as clases en Galicia
Preto de 200.000 nenos comezan hoxe as clases en Galicia

Nos centros galegos de educación infantil están matriculados 59.519 alumnos e alumnas, case o mesmo número ca no curso anterior

Hoxe 11 de setembro comezarán en Galicia as clases nos ciclos de infantil, primaria e educación especial para 196.900 nenas e nenos, o que supón un 0,5 % menos ca no curso 2018/19, segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Neste sentido cómpre lembrar que as cifras de matriculación poden ir mudando ao longo do curso escolar.

EDUCACIÓN INFANTIL

Segundo estimacións da Xunta de Galicia, 59.519 alumnos comezarán este ano nas aulas de educación infantil, o que supón un 0,1 % máis ca no curso 2018/19.

Ademais hai que sinalar que nesta etapa educativa o alumnado non nacionalizado español se incrementou case un 19% respecto do curso anterior:

EDUCACIÓN PRIMARIA

Por outra banda, as mesmas previsións que manexa a Consellería indican que 136.161 alumnos tamén comezarán o mércores as clases de educación primaria en Galicia, o que supón practicamente a mesma cifra ca no curso anterior (un 0,8% menos).

No caso da educación primaria o número de alumnos sen nacionalidade española, a diferenza respecto do ano pasado é do 6,6% máis.

EDUCACIÓN ESPECIAL

No que atinxe á educación especial, o número estimado de matriculados para este curso é de 1220, 32 alumnos máis ca no 2018/19.

DOCENTES

No referido ao profesorado, os datos estimados, a falta de que se realicen as pertinentes contratacións de interinos e substitutos para cubrir as necesidades puntuais que se presenten a inicio de curso, indican que o conxunto do sistema educativo galego público contará con 30.101 docentes.

SERVIZOS COMPLEMENTARIOS

O mesmo día do comezo de curso escolar empezarán a funcionar os servizos de transporte e os de comedor xestionados pola Consellería, tras as modificacións oportunas que se realizan anualmente para o seu axuste ás necesidades actuais.

Así, este ano, a falta de que se pechen as últimas autorizacións, o número estimado de prazas de comedor escolar será de 76.987, das cales 14.890 serían xestionadas por ANPAS ou Concellos, existindo tamén axudas –ou convenios de colaboración- da Consellería neste concepto para ambas as entidades. En total o departamento educativo da Xunta xestiona 434 comedores, deles 300 de forma directa e 134 de forma indirecta (a través de empresas que serven menús con todos os estándares de calidade garantidos). Pola súa banda as ANPAS son responsables de 130 comedores e os Concellos de 52. Neste sentido, cómpre lembrar que a Consellería subvenciona os menús de arredor de 4700 comensais nestes 52 centros escolares de 15 concellos de toda Galicia. Así mesmo a Consellería facilita subvencionar o servizo de comedor escolar a 507 alumnos de centros de educación especial non públicos a través de convenios con 15 entidades.

No que atinxe ao transporte, prestarase servizo –segundo as estimacións provisionais- a 88.054 alumnas e alumnos de 776 centros públicos. Ademais, darase cobertura de transporte a 314 alumnos de centros de educación especial que non son públicos a través de convenios con 13 entidades. Deste xeito Galicia volve ser a primeira Comunidade do Estado no referido ao volume que representa este servizo educativo complementario.

INDICADORES EDUCATIVOS

Este ano por primeira vez a publicación Datos e cifras do ensino non universitario, que edita a Consellería ao inicio de cada curso escolar, inclúe a evolución de diversos indicadores educativos de relevancia.

Deste xeito, compílanse os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) respecto da taxa de abandono educativo temperá, que a finais de 2017 era en Galicia case 11 puntos máis baixa que en 2009 e 3,4 puntos menor que a media española. Neste sentido cómpre lembrar que a taxa de abandono educativo temperá continúa descendendo en Galicia, dado que, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) a media do ano 2018 foi de 14,3 puntos.

Así mesmo, recóllense os datos da taxa de idoneidade aos 12, 14 e 15 anos, que está en todos os casos por riba da media española. Cabe salientar que no caso do alumnado que remata a primaria a taxa ascende ao 87,2%, isto é, case 9 de cada 10 alumnas e alumnos galegos estudan o curso escolar que lle corresponde por idade.

Por outra banda, inclúese os resultados dos últimos informes PISA con mostra galega (anos 2006, 2009, 2012 e 2015). Neste sentido destaca o último dos estudos, no que o alumnado galego colleitou resultados superiores á media española e á media da OCDE en todas as competencias analizadas.

Comentarios