A CIG denuncia que prazas de profesorado con destino provisional teñen vinculadas materias diferentes ás da propia especialidade

A CIG denuncia que prazas de profesorado con destino provisional teñen vinculadas materias diferentes ás da propia especialidade
A CIG denuncia que prazas de profesorado con destino provisional teñen vinculadas materias diferentes ás da propia especialidade

O 30% do profesorado que vén de obter un destino provisional ten unha afín ou un ámbito que impartir a maiores da súa propia especialidade e un 13% das prazas levan aparellada a impartición dun mínimo de 2 materias diferentes á súa especialidade

Un total de 4.905 docentes destas etapas educativas terán destino provisional no presente curso escolar. A cifra supón unha redución do 10% do profesorado sen destino definitivo, froito da importante oferta de prazas definitivas negociadas polas organizacións sindicais e os servizos centrais da Consellaría logo das demandas reiteradas da CIG-Ensino e dun estudo pormenorizado realizado polo sindicato no que se evidenciaba un abuso da temporalidade nos destinos entre o profesorado en expectativa de destino. 

É precisamente este profesorado o que máis se reduce, un 14% menos que no curso pasado. Porén, desde a CIG-Ensino alertamos de que esta cifra ten aínda moita marxe para se reducir, especialmente polas xubilacións que se están a producir e estaremos vixilantes para que se cumpra o compromiso da administración educativa de continuar con amplas ofertas nos próximos concursos de traslados.

As afíns e a desconexión coa especialidade, xunto cun horario lectivo excesivo, principal problema do profesorado de secundaria

O 30% do profesorado que vén de obter un destino provisional ten unha afín ou un ámbito que impartir a maiores da súa propia especialidade e un 13% das prazas levan aparellada a impartición dun mínimo de 2 materias diferentes á súa especialidade. Se temos en conta a impartición de ámbitos nos Programas de Mellora da Aprendizaxe (PMAR) na ESO e os módulos de FP Básica, a conclusión é que un 52% do profesorado con destino provisional imparte outras materias diferentes á súa. Estas cifras implican que se manteñen as porcentaxes de prazas con afíns e impartición de ámbitos destes últimos cursos. 

A esta cifras xa avultadas hai que engadirlle un número importante de docentes con destino definitivo que tamén imparten materias afíns, o que agrava aínda máis a situación. A negativa da Consellaría de Educación a reducir as afíns e a negociar que materias se poden asignar como afíns leva a adxudicacións totalmente fóra de lugar e que contraveñen calquera mínimo rigor e respecto pola especialización, a formación docente e a calidade educativa. 

Na inmensa maioría dos casos que se poden observar na adxudicación de destinos a última responsabilidade é da limitación de profesorado imposta pola Consellaría, o que leva ás direccións dos centros a incorporar perfís que non se deberían dar se os cadros de persoal fosen o suficientemente amplos. 

A falacia na que vive instalada a Consellaría cando afirma que as prazas son solicitadas polo profesorado voluntariamente non se sostén. A incerteza na que se atopa o profesorado interino e mesmo o que está en expectativa sobre o destino que poderán ter ou non leva ao profesorado a incluír nas súas peticións esas afíns se queren traballar, sendo interinos, ou obter un destino mellor se están en expectativa. Non falamos, por tanto, de voluntariedade, senón dunha obriga inducida pola política de recortes da Consellaría de Educación.

A Consellaría de Educación é a última responsábel desta situación e desde a CIG-Ensino insistimos na necesidade de encetar unha negociación sobre todo o relacionado coa adxudicación de destinos provisionais, desde a regulación das afíns á negociación das prazas e un cambio no calendario de adxudicación pasando polos cadros de persoal, que só coa recuperación do horario de 18 períodos lectivos vería reducido parcialmente os efectos de manter un elevado número de prazas con afíns. 

Erros na adxudicación e a realidade dos centros fronte á adxudicación..

Nas primeiras horas despois da adxudicación están a chegar ao sindicato queixas do profesorado por eliminación de vacantes que se ofertaban o 31 de xullo, froito sen dúbida dos últimos recortes ordenados pola dirección xeral de centros a través das inspeccións educativas, problemas relacionados coas renuncias do profesorado interino na aplicación informática e xa nunha primeira achega de perfís que desde os centros indican que seguramente non se van corresponder coa adxudicación, o que supón un trastorno e unha falta de respecto para o profesorado que ve como finalmente a realidade que se vai atopar no centro difire do destino que obtivo.

Comentarios