Denuncian o abandono da carballeira de Biduido de Abaixo

Denuncian o abandono da carballeira de Biduido de Abaixo
Denuncian o abandono da carballeira de Biduido de Abaixo

O Grupo Municipal Popular esixe ao goberno local que cumpra coa súa obriga de manter e conservar adecuadamente este espazo, facéndoo compatible co seu uso público

A veciñanza do lugar de Biduido de Abaixo, denunciaron a situación de abandono na que se atopa a carballeira do lugar, que linda coa urbanización “As Mimosas”: un espazo libre, de zona verde, no que o planeamento municipal impuxo a prohibición de construír, co obxectivo de destinalo a usos colectivos e ao ocio dos veciños. 

A consecuencia da rotura dun dos carballos, os veciños de Biduido inspeccionaron a carballeira e puideron comprobar como outras árbores estanse a pudrir polo tronco, o que ocasiona unha situación de perigo, ao facerse estruturalmente máis débiles e propensas á rotura. Motivos que os levaron a presentar un escrito ante o Concello denunciando a situación e solicitando medidas que minimicen os riscos. Unha solicitude que a día de hoxe "non recibiu resposta satisfactoria por parte do Alcalde socialista José Miñones". 

"E mentres o goberno local incoa á veciñanza expedientes de orde de execución por motivos de seguridade, salubridade e ornato público; neste caso é o propio goberno o que non cumpre co seu deber e obrigacións con este espazo, que debera servir para o ocio e recreo ao aire libre e que, sen embargo, xera unha situación de risco", aseguran os populares. 

É preciso previr a pudrición e evitar que se propague ao resto de carballos. Existen medidas efectivas para minimizar o dano como é a poda selectiva de partes mortas ou enfermas, garantindo que as árbores prosperen. Pero tamén é preciso eliminar as situacións potencialmente perigosas, por iso é necesario que o señor Miñones verifique a carballeira en busca doutros signos de desarraigo como son os fallos nas raíces ou terra agretada ou levantada, e que avalíe a situación, xa que durante un simple refacho de veto podería facer que caia unha rama ou mesmo unha árbore e atente así contra a seguridade da veciñanza e as súas propiedades. 

Comentarios