Críticas pola falta de previsión da Xunta ao facer as obras nos centros escolares da cidade

Críticas pola falta de previsión da Xunta ao facer as obras nos centros escolares da cidade
Críticas pola falta de previsión da Xunta ao facer as obras nos centros escolares da cidade

As incidencias rexistradas nos centros de ensino de Santiago obrigan a continuar as obras pendentes fóra do horario escolar

A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, expresou a súa preocupación no inicio de curso pola falta de previsión da Xunta coas obras en centros escolares públicos, que non permiten o uso do patio tanto no CEIP Raíña Fabiola como en Roxos, así como polos problemas de mobilidade pendentes de resolver en Lamas de Abade e das necesidades do CEIP das Fontiñas e en diversos centros de ensino de Santiago de Compostela.

Segundo as queixas recibidas no BNG por parte de nais e pais do Raíña Fabiola, tanto o patio como o comedor teñen aínda material de obra e non poden ser utilizados polo alumnado. De feito, segundo trasladaron, nais e pais chegaron a un acordo co persoal técnico da Xunta para que interrompesen as obras mentres os nenos e nenas están no centro, que serán retomadas fóra do horario escolar e en fin de semana. A intervención incluía o illamento térmico da fachada e de dúas estancias para mellorar a eficiencia enerxética, ademais do cambio de xanelas, de iluminación e de arranxos na cuberta. En total, son 250 alumnos e alumnas afectados neste colexio por esta falta de previsión da Xunta.

No centro escolar de Roxos, as obras comezaron a mediados de xullo para construír dúas novas aulas no espazo do patio cuberto, polo que agora comezan o curso sen patio cuberto, un espazo fundamental para o lecer e para a práctica de actividades educativas, sobre todo no inverno.

Ademais, hai outros centros con problemas de mobilidade como os de Lamas de Abade ou o das Fontiñas, motivado pola falta de pasarela peonil, outros teñen falta de espazo como o Ramón Cabanillas ou o Quiroga Palacios. Neste último, as obras mesmo impedirán o desenvolvemento de actividades extraescolares e de conciliación familiar durante o primeiro mes de curso.

Comentarios