Ames reduce nun 19% as infraccións penais no primeiro semestre de 2019

Ames reduce nun 19% as infraccións penais no primeiro semestre de 2019
Ames reduce nun 19% as infraccións penais no primeiro semestre de 2019

Descenden os delitos contra a liberdade e indemnidade sexual (33,3%); os roubos con forza en domicilios establecementos e outras instalacións (37%); os furtos (17,7%); e o tráfico de drogas (33,3%)

O Concello de Ames segue a confirmar os bos datos en materia de seguridade e conseguiu reducir nun 18,9% o total de infraccións penais no primeiro semestre de 2019, en relación ao mesmo período de 2018. É o concello da provincia de máis de 30.000 habitantes que máis descende, seguido de Arteixo, A Coruña e Santiago. Os datos, recollidos no balance do segundo semestre de 2019, de criminalidade do Ministerio do Interior, amosan á tendencia á baixa do Concello de Ames. Descenden os delitos contra a liberdade e indemnidade sexual (33,3%); os roubos con forza en domicilios establecementos e outras instalacións (37%); os furtos (17,7%); e o tráfico de drogas (33,3%).

No portal estadístico de criminalidade do Ministerio do Interior, reflíctese que durante o período que vai de xaneiro a xuño deste ano houbo: 3 delitos graves e menos graves de lesións e rifa tumultuaria; 2 delitos contra a liberdade e indemnidade sexual; 1 roubo con violencia e intimidación; 17 roubos con forza en domicilios, establecementos e outras instalacións; 51 furtos; 1 substracción de vehículos; 2 casos de tráfico de drogas; e contabilízanse 296 casos dentro do apartado de resto de infraccións penais.

En total, contabilízanse 373 infraccións penais. O número de infraccións penais no mesmo período de 2018 foi de 460, descendendo o número en 87 infraccións, o que supón unha redución do 18,9%.

Deste xeito, neste primeiro semestre de ano, o Concello de Ames experimentou unha redución nos delitos contra a liberdade e indemnidade sexual (33,3%); en roubos con forza en domicilios, establecementos e outras instalacións (37%); nos furtos (17,7%); en tráfico de drogas (33,3%) e no resto de infraccións penais (18,9%).

Para o alcalde de Ames, José Miñones, estes datos “ratifican os publicados durante o primeiro trimestre de 2019 por parte do Ministerio do Interior, situando a Ames como un dos concellos máis seguros de toda Galicia e de España. Hai que destacar tamén o incremento de detidos por cometer algún tipo de delito, o que da conta do bo facer dos corpos de seguridade no noso municipio”.

NOVA SALA DE VIDEOXILANCIA

A pesar dos bos datos recollidos no portal do Ministerio do Interior e relativos ao primeiro semestre do ano, o goberno municipal mantén a prevención e a vixilancia, sobre todo nas zonas residenciais onde son máis propensos os roubos en vivendas. No pasado mes de maio comezou a funcionar unha nova sala de videovixilancia, co obxectivo de mellorar a seguridade no parque empresarial Novo Milladoiro e da urbanización de Aldea Nova, a través dun novo sistema de videovixilancia.

A nova sala de videovixilancia está ubicada nas dependencias da Policía Local de Ames e son os propios axentes os que realizan o seguimento de ditas cámaras desde unha aplicación que se habilitou nas oficinas da rúa Alcalde Lorenzo. O obxectivo é mellorar a convivencia cidadá e a prevención de delitos relacionados coa seguridade pública.

XUNTA LOCAL DE SEGURIDADE

Os datos aportados polo Ministerio do Interior confirman a tendencia que se recollía na última Xunta Local de Seguridade, celebrada no pasado mes de abril. Nela facíase balance das cifras que deixara 2018, ano no que xa se confirmaba un bo comportamento da seguridade no concello, sendo a taxa de criminalidade 4 puntos inferior á da provincia, case 2 puntos menor que a media galega e 18 puntos menos que a de España.

O goberno municipal ten previsto iniciar unha campaña informativa no último trimestre do ano sobre delitos na Internet que son os que máis están a darse nestes últimos anos.

Comentarios
Lo más