O equipo feminino do Victoria FC quere gañar contra o Real Sporting SAD “B

O equipo feminino do Victoria FC quere gañar contra o Real Sporting SAD “B
O equipo feminino do Victoria FC quere gañar contra o Real Sporting SAD “B

As novidades entre as ‘rojillas’ afectan sobre todo á confección da plantilla o que determinou un ano máis a dar continuidade ao seu activo máis importante: a canteira

O encontro deste domingo fronte ao Real Sporting SAD “B” nas instalacións do clube en Mareo ás 11.30 horas servirá ao Victoria F.C. para abrir unha tempada 2019/20 chea de novidades e moi ilusionante.

Tras dúas campañas na Segunda División, e despois dos cambios na estructura das competicións deste verán, o primeiro equipo de fútbol feminino de Santiago de Compostela militará este curso na 1.ª División Nacional, categoría dependente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) por detrás da Liga Iberdrola e da nova 2.ª División Pro.

As novidades entre as ‘rojillas’ afectan sobre todo á confección da plantilla o que determinou un ano máis a dar continuidade ao seu activo máis importante: a canteira. Son seis as xogadoras do equipo B que terán que asumir responsabilidades e dar o salto. Así, Andrea, Helena, Noelia, Carlita, Raquel e Noela (xogadora que xa participou en numerosos partidos a tempada pasada) reforzarán a plantilla xunto a tres caras novas: a porteira Lucía (Couñago) de tan só 14 anos procedente do Tordoia, a defensa Marta (Calvo) ex do Serra de Outes de 15 anos e a dianteira arzuana Laura (Mosquera) de 28 procedente do Touro que aportará goles e experiencia.

“Seguiremos apostando polo noso estilo de xogo, o noso selo de identidade que tan bos resultados nos está a dar en todas as categorías da sección feminina do clube. Considero que é atrevido, valente e moi vistoso para o público pero sobre todo moi divertido para as propias xogadoras”, considera Francisco Javier García Rouco ‘Chivi’ que se mantén como técnico. Como novidade tamén no banco destaca a presenza de Noa Morales, exconcelleira de Deportes de Santiago que entra como segunda adestradora do primeiro equipo. O corpo técnico o completan unha vez máis Penélope Díaz como masaxista e Vanesa García como delegada.

“Este ano, pese a xuventude do equipo xa amosou na pretempada que con traballo e unha boa actitude a inexperiencia non é un problema. Temos xogadoras con moitísima calidade individual, que leva moitas tempadas xuntas, coincidindo no primeiro equipo ou nas categorías inferiores da sección feminina, polo que se coñecen moi ben e iso debería notarse no campo. Seremos un equipo máis serio en defensa e con moitas ganas de sorprender no ataque. Este será o noso terceiro ano para moitas na categoría nacional e seguro correxiremos moitos erros dos anos anteriores”, engade o adestrador santiagués.

Como obxectivo Chivi insiste que “pese a que non se poden colocar listóns porque no fútbol nunca se sabe, gustaríame superar a posición do ano pasado na Liga (8.º) e se poideramos estar máis arriba gozar o máximo posible. Sería un fermoso premio para estas xogadoras que cada ano dan un pasiño adiante”. 

Comentarios