Ames aproba a adxudicación da obra de construción do novo comedor do CEIP da Maía

Ames aproba a adxudicación da obra de construción do novo comedor do CEIP da Maía
Ames aproba a adxudicación da obra de construción do novo comedor do CEIP da Maía

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves, 12 de setembro, a adxudiación da obra de construción do novo comedor do CEIP A Maía, á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones, S.A. por un importe de 389.575,76 euros

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar onte xoves, 12 de setembro, a adxudicación da obra de construción do novo comedor do CEIP A Maía. O proxecto, que foi adxudicado á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones, S.A. por un importe de 389.575,76 euros, está incluído dentro do Orzamento municipal de 2019 e será sufragado con fondos propios do Concello de Ames. 

Coa construción desta nova infraestrutura preténdese ampliar o número de prazas do servizo municipal de comedor escolar, xa que é unha demanda da comunidade educativa de Ames. Asemade, o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Educación, David Santomil, achegáronse onte ata o CEIP da Maía para comunicar á dirección do centro educativo a adxudicación das obras de construción do novo comedor, cuxos traballos contan cunha duración estimada de catro meses.

Actualmente o número máximo de prazas de comedor no CEIP A Maía é de 330 usuarios/as, mentres o número de solicitudes incrementou de maneira considerable, cunha previsión de 375 a 400 prazas previstas para o presente curso escolar. Esta capacidade pode ser asumida polo novo comedor, xa que o proxecto contempla un total de 460 prazas.  

Ademais, coa posta en marcha deste novo comedor hai que ter en conta os custos asociados ao funcionamento deste novo espazo, que supón a creación de máis de 150 novas prazas para o presente curso escolar, das cales 130 corresponden ao comedor do CEIP A Maía. Para un maior detalle na estimación e sustentabilidade do novo comedor do CEIP A Maía a Concellaría de Educación contratou un Plan Económico Financeiro (PEF) coa Universidade de Vigo neste ano 2019, de cara a realizar unha estimación de custos nos vindeiros 5 e 10 anos.

VISITA AO CEIP A MAÍA

Logo da celebración da Xunta de Goberno Local, o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Educación, David Santomil, achegáronse ao CEIP A Maía para comunicar á dirección do centro educativo a adxudicación das obras de construción do novo comedor. 

O concelleiro de Educación, David Santomil, destacou que “todo proceso de licitación púlica ten os seus tempos e, dende a aprobación do orzamento municipal, que habilita o inicio do proceso, concorren as empresas, reúnese a mesa de contratación e finalmente adxudícase en Xunta de Goberno Local, algo que fixemos esta mesma mañán. A partir de aquí corresponde a sinatura do contrato coa empresa adxudicataria e o inicio das obras que está previsto que teñan unha duración de catro meses. Provisionalmente habilitamos un espazo, dacordo coas indicacións do centro escolar, para asumir aos usuarios e usuarias do comedor mentres se realizan as obras, e agardamos que siga funcionando con normalidade durante a execución dos traballos”.

Comentarios