O CHUS pon en marcha a unidade pediátrica de crónicos e paliativos as 24 horas do día

O CHUS pon en marcha a unidade pediátrica de crónicos e paliativos as 24 horas do día
O CHUS pon en marcha a unidade pediátrica de crónicos e paliativos as 24 horas do día

Un equipo de profesionais coordinados desde a UCI de Pediatría,colaboran con pediatras de atención primaria e especialistas sanitarios e doutras disciplinas do hospital, para dar unha atención integral aos nenos con patoloxías crónicas e complexas

A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago pon en marcha a Unidade Pediátrica de Crónicos e Paliativos, formalizando, estruturando e ampliando así o traballo duns profesionais que veñen atendendo desde hai anos as necesidades integrais de coidados a nenos con patoloxías crónicas complexas e con gran dependencia tecnolóxica.

No acto de presentación aos medios de comunicación esta mañá no Hospital Clínico de Santiago, a xerente da área sanitaria Eloína Núñez subliñou que “esta unidade nace para dar unha mellor resposta ás necesidades dos 39 nenos e nenas- así como ás súas familias- que xa atendemos na actualidade e que contan con discapacidades e disfuncións orgánicas severas”. Estes rapaces teñen patoloxías neurolóxicas, oncolóxicas e doutra orixe que os fan dependentes das altas tecnoloxías sanitarias.

Na comparecencia ante os medios de comunicación tamén estiveron o director de Procesos Asistenciais da XXI Santiago, Alfonso Varela, a subdirectora de Calidade e Atención ao Doente, Beatriz Pais; o xefe do servizo de Pediatría, Federico Martinón, o responsable da UPCP (Unidade Pediátrica de Crónicos e Paliativos) Antonio Rodriguez Núñez, xunto a diferentes profesionais da unidade e Andrés, pai de Pablo, un dos pacientes da unidade.

A disposición deste rapaces e das súas familias está un equipo de profesionais sanitarios coordinados desde a UCI de pediatría do Hospital Clínico (pediatras, enfermeiras, traballadora social e psicólogo clínico) en colaboración con pediatras de atención primaria (Centros de Saúde, PAC’s) e 061, así como especialistas doutras disciplinas do hospital. Para poder levar a cabo esta atención “integral” empregan a telemedicina e a atención a domicilio como ferramentas preferentes da atención sanitaria destes nenos e nenas coa finalidade de avanzar na humanización dos seus coidados integrais.

Unha enfermeira encargarase proactivamente de contactar periodicamente coas familias para coñecer a situación do paciente e as súas necesidades, información que se completa coa telemonitorización das constantes necesarias en cada caso. Así, pretendese evitar descompensacións e visitas sanitarias de urxencia para que o neno sexa atendido, sempre que sexa posible, no seu entorno familiar. Desde a unidade tamén se organizarán os circuítos sanitarios, centrados nas necesidades do doente e a súa familia, cando teñan que acudir ao hospital, agrupando nun só día ás consultas imprescindibles cos especialistas sanitarios das diferentes patoloxías que padecen nunha consulta de alta resolución.

Así mesmo, os profesionais da unidade tamén prestan apoio continuo ás familias e formación para axudar a atender as súas necesidades especiais.

Está dirixido a nenos con enfermidades incapacitantes e ameazantes para a súa vida. Existen multitude de patoloxías que condicionan cronicidade, que son incapacitantes, xeran sufrimento, ameaza para a vida ou mesmo poden levar ao falecemento do neno. Nalgúns casos, esta situación preséntase dende o nacemento ou no período neonatal, ou ben poden presentarse ao longo da infancia ou adolescencia.

As patoloxías máis prevalentes son: malformacións conxénitas, encefalopatías adquiridas no período neonatal, dano cerebral adquirido, cancro infantil, encefalopatías progresivas, disfuncións orgánicas crónicas e progresivas....

O programa introduce un novo réxime de atención que permite o contacto áxil e permanente entre os pacientes e o hospital, tanto a demanda como de maneira programada. Por un lado, ante calquera problema do menor, a familia pode contactar a través de chamadas de teléfono e/ou vídeoconferencias co pediatra da unidade. Por outro, e de maneira proactiva, establécese unha sistemática de contacto rutineiro dos profesionais cos pacientes a través de vídeoconferencias, e cando é necesario, os sanitarios desprazaranse ao domicilio do menor. Deste xeito evítanse traslados, atencións en urxencias e ingresos hospitalarios destes nenos, adiantándose ás posibles complicacións derivadas das súas patoloxías, atendendo no domicilio a maior parte das necesidades.

Comentarios