Nova multa á empresa propietaria dos terreos da mina de Touro

Nova multa á empresa propietaria dos terreos da mina de Touro
Nova multa á empresa propietaria dos terreos da mina de Touro

A asociación denunciante Aldea Viva considera ridícula a sanción de pouco máis de cinco mil euros e a reposición do rego ao estado inicial

Augas de Galicia multa á empresa propietaria dos terreos da mina, e socia principal de Cobre San Rafael no proxecto de reapertura da explotación mineira de cobre, por desviar un tramo do rego Portapego sen a preceptiva autorización de Augas de Galicia. 

A asociación denunciante Aldea Viva considera ridícula a sanción de pouco máis de cinco mil euros e a reposición do rego ao estado inicial por uns feitos desta envergadura.

Explotaciones Gallegas S.L. pretendía desfacerse da responsabilidade da desfeita ambiental que vén causando no rego Portapego, contaminado polos residuos e drenaxes da mina pechada fai máis de trinta anos, usurpando o caudal para deixar o rego seco.

Nas súas alegacións a empresa mesmo cualificou de “actuación clandestina” a actividade de inspección de Augas de Galicia a instancia da asociación Aldea Viva.

Augas de Galicia tamén notificou ao concello de Touro que se abstivera de dar permisos ás obras, pois previamente o rexedor Ignacio Codesido xa as autorizara saltándose a autorización preceptiva do organismo de Augas.

Para a asociación medioambientalista esta é unha demostración clara de que a empresa Explotaciones Gallegas recibe un trato amable por parte da administración que lle permite seguir actuando ó marxe da lei con total impunidade, e apuntan que o historial de infraccións que acumula a mineira é de récord Guiness. Mentres tanto a Xunta de Galicia segue sen rexeitar o proxecto mineiro promovido polo mesmo tramado empresarial que pon en risco a comarca de Santiago e a ría de Arousa.

Comentarios