Ames súmase á celebración do Día Mundial do Alzheimer

Ames súmase á celebración do Día Mundial do Alzheimer
Ames súmase á celebración do Día Mundial do Alzheimer

A Concellaría de Benestar Social procedeu á colocación, na Casa do Concello e nas oficinas municipais do Milladoiro, duns vinilos visibles con frases que invitan a reflexionar sobre a situación de desamparo que viven todas as persoas que sofren esta enfermidade

Co gallo da celebración do Día Mundial do Alzheimer o próximo sábado, 21 de setembro, a Concellaría de Benestar Social está a desenvolver unha campaña de sensibilización consistente na colocación, na Casa do Concello e nas oficinas municipais do Milladoiro, duns vinilos visibles con frases que invitan a reflexionar sobre a situación de desamparo que viven todas as persoas que sofren esta enfermidade. Os vinilos, en formato máis pequeno, tamén se repartiron entre os establecementos de Bertamiráns e O Milladoiro que se quixeron adherir a esta campaña de sensibilización.

O Concello de Ames súmase así a convocatoria realizada pola Confederación Española de Alzheimer, coa pretensión de facer visible as consecuencias directas e indirectas que ten esta enfermidade. A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destaca que o obxectivo desta campaña é “seguir a sensibilizar sobre o que xa podemos considerar como a epidemia do século XXI, así como das súas consecuencias sociosanitarias. Queremos e debemos concienciar sobre a prevención entre os que a padecen directamente e os seus familiares coidadores. Ademais, queremos amosar todo o noso apoio ás persoas e familias que padecen este tipo de doenza”. 

Co lema escollido este ano pola Confederación Española de Alzheimer, #Evolución, preténdese  buscar a reflexión e as consecuencias que ocasiona esta enfermidade nas persoas que a padecen e na sociedade. O perfil demográfico está a cambiar de xeito notable, configurando unha sociedade envellecida, cun ámbito familiar cambiante que condiciona o xeito no que se entende a atención e o coidado ás persoas con demencia, sendo a idade o principal factor de risco para padecer Alzheimer. 

A Confederación Española do Alzheimer insiste en que os cambios que se están producindo no marco do Alzheimer están condicionando a necesidade de reflexionar sobre as atencións e coidados que se prestan na actualidade a persoas con demencia que pouco ou nada teñen que ver con aquelas outras que sufriron a enfermidade hai uns poucos anos. Neste senso, búscase unha evolución dos coidades ata adaptarse aos novos perfís, tanto de pacientes como coidadores.

Comentarios
Lo más