O Concello entrega as hortas urbanas de Belvís de Abaixo

O Concello entrega as hortas urbanas de Belvís de Abaixo
O Concello entrega as hortas urbanas de Belvís de Abaixo

Segundo establece a Ordenanza, de ser maior o número de solicitantes que o de hortas dispoñibles, establécese unha orde de prelación

As 26 hortas urbanas municipais de Belvís de Abaixo foron entregadas este mércores nun acto celebrado no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns de Compostela (CIPX). O sorteo e adxudicación das hortas estivo presidido pola comisión avaliadora das solicitudes, formada pola concelleira de Parques e Xardíns, Mila Castro; o xefe do Departamento de Parques e Xardíns, Gregorio López; e o xefe do Departamento de Medio Ambiente, Ángel Pérez. Tamén estivo presente persoal de Ferrovial Servicios, a empresa concesionaria do servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e arborado do Concello de Santiago, e encargada da xestión das hortas urbanas municipais.

Segundo establece a Ordenanza, de ser maior o número de solicitantes que o de hortas dispoñibles, establécese unha orde de prelación. Como este era o caso, a prelación estableceuse concedéndolle primeiro unha horta á Asociación Fonte da Virxe, atendendo ao interese público que desenvolve nas hortas municipais esta entidade. Xa dende a adxudicación anterior das hortas en 2015, esta Asociación encárgase de desenvolver traballos comunitarios de horticultura dentro da súa programación de actividades.

A continuación asignóuselles unha das hortas municipais de Belvís de Abaixo ás catro persoas maiores de 65 anos que a solicitaron, tres das cales xa repetían como titulares das parcelas de anos anteriores e repetiron na mesma que xa viñan traballando.

A Ordenanza sobre as hortas urbanas municipais tamén concede prioridade á veciñanza da contorna, xa que as interactuacións durante o tempo dedicado ao cultivo da terra crean entre os veciños unha unión máis forte entre eles, desenvolvendo a conciencia de barrio. 16 persoas veciñas da contorna resultaron adxudicatarias, catro das cales continuaban co traballo hortícola nas parcelas das que foran titulares na convocatoria anterior.

Por último, as cinco hortas restantes foron sorteadas entre as 19 persoas empadroadas en Santiago de Compostela fóra da contorna do parque de Belvís. Destas, as 14 persoas que non recibiron unha autorización para o uso dunha das hortas municipais quedarán na listaxe de agarda, para suplir aos actuais titulares no caso en que se produzan renuncias ou baixas.

Unha zona está a ser utilizada como horta de referencia, na que o resto de usuarios poden aprender sobre as habelencias da xardinería e as técnicas de cultivo tradicional e ecolóxico das hortalizas máis frecuentes nos nosos campos, e que tamén son as comúns nas despensas da cociña galega, como poden ser acelgas, tomates, allos, coles, leitugas, amorodos, chícharos ou pementos. Tamén teñen cabida as plantas aromáticas, condimentarias, ornamentais e medicinais.

UN PROXECTO EXITOSO

As hortas urbanas municipais son espazos dentro das zonas verdes da cidade que o Concello cede durante catro anos aos cidadáns para uso hortícola. Con estas parcelas establécese un novo concepto de espazo verde que supón unha mellora ambiental para cidades, así como da calidade de vida dos seus cidadáns, onde a participación cidadá é fundamental pois son froito do traballo e coidado dos propios usuarios, a diferenza dos xardíns e parques, coidados e mantidos polos servizos municipais.

O éxito do proxecto das hortas urbanas municipais do Concello de Santiago de Compostela reflíctese en que todas as parcelas existentes nas diferentes zonas do municipio, que alcanzan a cifra de 294, están ocupadas por un titular, e contan con lista de agarda. Esta lista está aberta para que todas as persoas interesadas nunha horta municipal poidan inscribirse. 

Comentarios