Veciños do Monte de Deus reclaman maior eficiencia no transporte público e a adecuación da contorna do miradoiro

Veciños do Monte de Deus reclaman maior eficiencia no transporte público e a adecuación da contorna do miradoiro
Veciños do Monte de Deus reclaman maior eficiencia no transporte público e a adecuación da contorna do miradoiro

O Grupo Popular ven recollendo desde hai tempo numerosas queixas da veciñanza desta área de Santiago, sobre todo, no referido as frecuencias do autobús urbano, cuxo incremento facilitaría o desprazamento, sobre todo, das persoas maiores ou de mobilidade reducida

O Grupo Municipal Popular solicita ao Goberno de Sánchez Bugallo que asuma as demandas dos veciños do Monte de Deus que reclaman unha maior frecuencia do transporte público; a adecuación da contorna do lavadoiro e a dotación de mobiliario urbano na área do miradoiro; ademais da mellora da caseta de uso veciñal.

O Grupo Popular ven recollendo desde hai tempo numerosas queixas da veciñanza, que solicitan que se incrementen as frecuencias na liña do autobús urbano que conecta con esta zona, ao fin de facilitar os desprazamentos da poboación, sobre todo, das persoas maiores ou de mobilidade reducida. Esta demanda poderíase incluír na licitación do servizo de transporte público que terá que abordar canto antes o Goberno local.

Así mesmo, os veciños demandan ademais que se arranxen os problemas de filtracións que padece a caseta destinada a parques e xardíns, onde teñen cedida unha pequena superficie para gardar apeiros comúns destinados a diversas actividades asociativas, posto que, na época de chuvias, o local anégase cos prexuízos que diso se derivan para o material almacenado.

O Grupo Municipal Popular tamén ve necesario que se arranxe a zona do miradoiro, coa reposición dunha papeleira rota e a colocación dalgunha máis, así como a colocación dalgúns bancos e algunha mesa na explanada existente diante do aparcamento de vehículos, co fin mellorar as condicións desta área para o desfrute de todos os usuarios.

Finalmente, os Populares tamén lle requiren ao equipo de Goberno que busque unha solución para os problemas que crea a existencia dunha árbore plataneiro nas proximidades do lavadoiro municipal, xa que as súas follas, ademais de limitar o valor paisaxístico da zona, ocasionan frecuentes atascos e inundacións na instalación con repercusión no acceso. Cabe sinalar que, para resolver esta situación, algúns veciños suxiren a proposta dunha poda; a substitución por outra especie de folla perenne ou mesmo a tala que solucionaría definitivamente o problema.

Comentarios