Fomento iniciou onte as obras da nova glorieta da Foca en Sigüeiro

Fomento iniciou onte as obras da nova glorieta da Foca en Sigüeiro
Fomento iniciou onte as obras da nova glorieta da Foca en Sigüeiro

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, comprometeuse ante o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, a impulsar outros proxectos como a nova circunvalación 

O Ministerio de Fomento deu comezo onte mesmo ás obras da nova glorieta da Foca en Sigüeiro, co obxectivo de que a infraestrutura viaria esté operativa na primavera do 2020.

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, visitou esta mañá a zona dos traballos en compañía do alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e de representantes da Demarcación de Estradas e da empresa encargada das obras. “Este proxecto servirá para alixerar o tráfico, mellorar a seguridade viaria e humanizar a contorna da glorieta”, afirmou Losada.

Coa nova glorieta, “evitaremos os atascos que se producen na N-550 ao seu paso por Sigüeiro polos vehículos que van dirección Santiago ou dirección A Coruña, ademais de mellorar o problema que temos cos vehículos pesados”, apuntou Manuel Mirás.

Con relación a este último aspecto, Mirás lembrou que “preto do 20% do tráfico que pasa pola N-550 en Sigüeiro é de vehículos pesados, por iso lle pido a Fomento que impulse o proxecto da nova circunvalación en Sigüeiro polo oeste, desde a rotonda do polígono ata a bifurcación da estrada que vai ao aeroporto de Lavacolla”.

Losada comprometeuse a impulsar esta circunvalación, “como fixemos coa glorieta da Foca”. Os traballos que deron hoxe comezo están orzamentados en 140.000 euros e inclúen a reposición da fonte de pedra.

Aproveitando a visita de hoxe ao Concello de Oroso, o delegado do goberno e o alcalde Manuel Mirás supervisaron o estado dos traballos para consolidar os piares da ponte de Sigüeiro.

Comentarios
Lo más