Noia é unha das comarcas con menor débeda por habitante

Noia é unha das comarcas con menor débeda por habitante
Noia é unha das comarcas con menor débeda por habitante

Os datos do Informe de Conxuntura Económica, elaborado polos clubs financeiros de Santiago e Atlántico, amosan que Noia é unha das comarcas con menor débeda por habitante 

O peso da industria en Galicia continúa baixando e a súa achega ao Valor Añadido Bruto (VAB) é do 18,3 %, mentres que o sector servizos representa un 69,4% do mesmo. En Noia, a industria solo aporta ao VAP un 9,8%, na comarca do Barbanza esta porcentaxe aumenta ata un 31,6%. Das 245.658 empresas con actividade na comunidade galega, so un 6% pertence ao sector industrial. Así, a economía rexional amosa unha forte dependencia do sector servizos nas catro provincias galegas, principalmente en A Coruña e Pontevedra (74% y 68,7% do VAB, respectivamente). A industria ten unha participación sectorial máis elevada na provincia de Ourense, cun 25,3%, e o sector primario destaca pola súa importancia en Lugo, onde supón o 14,1% do seu VAB total. 

Son datos que se extraen do Informe de Conxuntura Económica (ICE), editado polo Club Financeiro de Santiago e o Club Financeiro Atlántico co obxectivo de dar a coñecer a realidade económica da provincia de A Coruña. O informe, cos datos da comarca de Noia, foi presentado onte no salón de plenos noiés. O alcalde de Noia, Santiago Freire, e o presidente do Club Financeiro de Santiago, Roberto Pereira, presidiron o acto no que os autores do informe desgranaron todos os datos relativos á comarca. 

A información obtida amosa que é fundamental aumentar o peso da industria e promover a súa diversificación máis aló do sector téxtil e da automoción. Os expertos recomendan poñer o foco en áreas produtivas con forte compoñente de I+D+i que, ademais, poidan ser unha saída laboral para o capital humano de alta cualificación que xeran as universidades galegas. 

O ICE, patrocinado por Banco Santander, Luckia, Plaam e Improving Metrics, foi presentado polo equipo investigador, integrado por 5 expertos economistas: David Rodríguez, profesor de Análise Económica da UDC;  Emilia Vázquez, profesora titular de Economía Cuantitativa da USC; María Bastida, profesora de Organización de Empresas e Comercialización da USC; Maite Cancelo, profesora titular de Economía Aplicada da USC; e Miguel Vázquez Taín, profesor titular de Economía Pública e Sistemas Fiscais da USC. O estudo analiza a información económica da provincia desde unha perspectiva comarcal e municipal. 

Muros, segunda comarca coa poboación máis envellecida

A densidade de poboación da provincia coruñesa é considerablemente superior ao promedio de Galicia (141,1 hab/km2 fronte a los 92 hab/km2). Esta cifra reflicte realidades moi diversas nas comarcas que a integran. Entre elas destaca especialmente a área herculina (848,5 habitantes por quilómetro cadrado) que cuadriplica a densidade das seguintes comarcas máis poboadas: Barbanza, Ferrol e Santiago (267, 244 e 243,8 hab/km2, respectivamente). Noia ten unha densidade de poboación de 102,6 hab/km2 e Muros de 91 hab/km2. Pola contra, as comarcas de Ortegal, Arzúa, Terras de Melide e Xallas quedan por debaixo dos 40 habitantes por km2. Ademais, a dinámica de presión poboacional modificouse nos últimos anos concentrándose nas comarcas de Santiago e A Coruña, as únicas onde no período 2010-2018 aumentou a densidade de poboación. 

A provincia da Coruña concentra ao 41,4% da poboación galega pero, nos últimos anos, rexistrouse unha perda significativa de residentes tanto a nivel rexional como provincial. Galicia perdeu cerca de 96.000 habitantes entre 2010-2018, dos que un 28% (27.107) residían na provincia coruñesa.

En canto á evolución e estrutura da poboación por idades, os datos do ICE evidencian o progresivo envellecemento da mesma: un 13% é menor de 16 anos, o 62% ten entre 16 e 64 anos e o 25% é maior de 64. No referente ao saldo vexetativo poboacional, so a comarca de Santiago presenta un resultado positivo no ano 2016, cun aumento de 5.249 persoas. As demais áreas rexistraron un maior número de defuncións que de nacementos. A comarca do Barbanza perde 1.859 persoas, Muros 1.882 e Noia ten a maior taxa negativa da zona perdendo 2.520. Muros é a comarca coa poboación máis envellecida, un 33,2% das persoas son maiores de 64 anos. Na comarca de Noia a porcentaxe descende ata o 28% e no Barbanza ao 22%. 

O envellecemento da poboación trae consigo un conxunto de problemas relacionados co estado de benestar, como a sostenibilidade do sistema público de pensións e o aumento do gasto sanitario e de dependencia. A este respecto, os autores do informe avogan pola aprobación dun gran pacto demográfico a nivel nacional e autonómico que teña en conta as características específicas de Galicia, incluíndo aspectos tan importantes como a retención do talento para frear a emigración das persoas novas; o apoio á natalidade, tendo en conta todas as medidas que poidan favorecela –incluíndo a conciliación-; ou un plan de inmigración ordenado, ideado en función das demandas sectoriais. Ademais, apuntan á necesidade de mellorar as condicións laborais e salariais para favorecer unha mellora dos índices de natalidade e da retención ou atracción de capital humano. 

O reto da internacionalización

O valor do PIB por habitante na provincia é superior ao da media galega, acadando os 24.000 euros. O peso da provincia herculina no PIB é superior ao que representa en poboación: achega o 41,2% de poboación e o 46,3% do PIB galego. Os valores máis altos do PIB por habitante localízanse nas comarcas do Eume, con 34.000 euros por habitante; A Coruña, con 32.000 euros, e Santiago con 26.000 euros. Na parte contraria, Muros sitúase na peor posición con apenas 12.000 euros por habitante. Noia ten un valor de PIB por habitante de 14.300 euros e o Barbanza de 17.500.  Os datos refírense ao ano 2016.

Nas comarcas da Coruña e de Santiago o sector servizos supera o 80% do VAB total. Na comarca de Noia o sector servizos supón o 73% del VAB, en Muros el 64% e no Barbanza o 60%. A economía da comarca de Noia céntrase na enerxía, subministro de auga e xestión de residuos; en Muros no sector primario e no Barbanza na industria agroalimentaria. 

Entre as liñas de actuación propostas polos autores do informe para fomentar a industrialización de Galicia figura a promoción de clústeres no sector primario, como xa se está facendo nalgúns casos. Serva como exemplo o sector lácteo, no que resulta imprescindible incidir na industria transformadora, creadora de valor engadido. Os expertos apuntan tamén á necesidade de favorecer o acceso a solo industrial en condicións vantaxosas para a localización e implantación de empresas na provincia, ademais de promover a simplificación na tramitación administrativa e a seguridade xurídica. 

En relación ao volume das exportacións, a provincia coruñesa achegou o 51,2% do total en 2018. O groso das mesmas (61,3%) diríxese cara países da zona euro aínda que esa porcentaxe se amplía se se inclúen todos os países da UE28 (79%). Porén, os expertos consideran que debe ser un reto mellorar as relacións comerciais con países emerxentes, como China ou México (que unicamente representan el 1% das exportacións actuais) ou outros como Rusia, India ou Brasil, pola elevada potencialidade que ofrecen debido ao tamaño dos seus mercados. A Coruña presenta unha elevada concentración das súas exportacións no sector téxtil, como consecuencia do peso da multinacional Inditex, que supón máis do 44,7% das vendas ao exterior da provincia. 

Turismo en crecemento

En Galicia ofertábanse 180.607 prazas en establecementos turísticos a finais de 2018, un incremento do 30,4% respecto ao ano anterior. O crecemento tan notable débese á inclusión de vivendas de uso turístico nas estatísticas, que non se debe confundir con vivendas turísticas. Neste informe so se analizan os municipios da Coruña e Santiago, que alcanzan un nivel de ocupación por riba do 50% e suman xa 5 anos de tendencia positiva.  

Das 66.620 prazas turísticas rexistradas na provincia, un 24% están na comarca de Santiago, e un 18% na da Coruña. As comarcas de Fisterra, Barbanza, Ferrol e Bergantiños están por riba do 5% da oferta total da provincia. Pola súa parte, a oferta das comarcas de Xallas e A Barcala non acada o 1% do total provincial.

Feminización do paro 

Os datos sobre o mercado de traballo na provincia da Coruña durante os últimos anos (2010-2018) reflicten un panorama xeral de mellora como consecuencia da redución dos niveis de paro e dun aumento da contratación, especialmente no bienio 2016-2017. En termos absolutos, a maior caída do número de parados rexistrouse nas comarcas da Coruña, Ferrol e Santiago. Porén, Terra de Soneira presenta o maior descenso relativo, cunha diminución do 41,38%. Séguenlle as comarcas de Xallas (39,29%) e Eume (36,23%) cunha sensible redución de persoas inscritas no paro. As comarcas de Noia e Muros conseguiron un descenso do 35% e O Barbanza do 28%. En definitiva, a recuperación alcanza a todas as comarcas da provincia que ven como o número de parados decrece a un ritmo promedio anual do 3,19%. 

Porén, a redución dos niveis de desemprego presenta unha evolución desigual entre homes e mulleres. Ao longo do período analizado (2010-2018), o número de mulleres en situación de paro superou ao de homes e esta diferencia aumentou co tempo. No ano 2010, as mulleres supuñan un 54% do total de parados; oito anos máis tarde, esta cifra aumentou en 3 puntos porcentuais pasando a representar o 57% do total de persoas desempregadas na provincia. 

Por franxas de idade, o paro rexistrado decreceu desde 2010 entre homes e mulleres menores de 45 anos, pero aumentou entre as persoas que superan esa idade. Así mesmo, o desemprego está afectando en maior porcentaxe ás persoas con estudios secundarios. O estudo amosa ademais que, a medida que mellora o nivel de formación, crece tamén a diferencia entre homes e mulleres paradas (32% fronte ao 68%). Tendo en conta estas variables (idade, sexo, estudos), o ICE conclúe que o perfil de persoa parada na provincia da Coruña corresponde ao dunha muller de entre 40 e 44 anos, con estudos secundarios e vinculada ao sector servizos. 

Muros, a comarca con máis contratos no sector primario

O sector servizos acapara en 2018 o 81% dos contratos na provincia da Coruña, tres puntos por riba da media galega. O sector industrial é o segundo grupo en contratación, co 11,9% seguido da construción, co 4,93%. O sector primario ocupa o último lugar (2,24%) tanto na provincia como no conxunto da comunidade autónoma.

En Noia, o sector servizos tamén é o que ten máis peso cun 73% das porcentaxes, seguido do sector primario cun 11,5%. Aquí nótase como a tradición pesqueira da zona e a actividade económica que isto supón condiciona o tipo de contratación e esta porcentaxe é superior á media provincial. Séguelle a industria cun 9,8% dos contratos e a construción cun 5,4%. Muros ten a porcentaxe máis alta da provincia de contratos no sector primario (un 47%). No Barbanza destaca a porcentaxe de contratos na industria, un 12%. 

A pensión da comarca de Noia está por debaixo da media 

O número de pensionistas na provincia da Coruña é de 261.798 a fecha de 2017. Desde o ano 2011 a cifra aumentou un 5,8% de media, algo máis entre os homes (5,1%) que entre as mulleres (4,9%). O importe medio das pensións, tomando como base o ano 2017, é de 927,40 € aínda que presenta diferencias relevantes entre as súas comarcas, oscilando entre os 625,99 € de Xallas e os 1.133 € de Eume. A comarca de Noia ten unha pensión media de 790 €, Muros 804 € e Barbanza 848 €. Os importes medios percibidos por homes e mulleres difiren entre 2011 e 2016, sendo os dos homes superiores en todas as comarcas. Santiago é a comarca que rexistra unha maior subida das contías medias das pensións 

Tamén se produciu unha redución no número de beneficiarios da RISGA e un aumento das axudas de inserción social (AIS), tomando como referencia o ano 2017. En total, os beneficiarios da RISGA suman 2.948 persoas, e os perceptores das axudas de inserción social (AIS) son 586. As comarcas de A Coruña, Ferrol e Santiago son as que teñen o maior número de perceptores destas axudas. 

Entre as propostas dos economistas para mellorar as condicións de acceso ao emprego figura a demanda dunha maior especialización por parte dos servizos públicos de emprego que permita a creación e mantemento de perfís de desempregados, facilitando con iso un mellor axuste entre a oferta de traballo, a demanda e as modalidades de contratación. Ademais, os expertos inciden na necesidade de establecer medidas de mellora da inserción de persoas con estudos superiores, particularmente no caso das mulleres, evitando con iso a perda de capital humano cualificado. 

Noia é unha das comarca con menor débeda por habitante 

Sobre o gasto público dos municipios constátase unha forte contracción dos recursos administrados polas facendas locais ata o ano 2012 e una lixeira recuperación nos últimos anos. Os Concellos intentaron paliar a caída dos seus ingresos, derivada da crise económica e das medidas de consolidación presupostaria, recorrendo ao imposto sobre bens inmobles. Isto é así especialmente no caso dos máis urbanos, como A Coruña e Santiago, os cales presentan ingresos en termos por habitante que superan con creces a media provincial e de Galicia. 

Polo que atinxe ao endebedamento municipal destaca, con carácter xeral, o seu importante redución entre os anos 2010 e 2017. Se ben, evidéncianse fortes diferenzas entre municipios, sobresaíndo os concellos de Santiago (272 euros), A Coruña (272 euros) e Carral (364 euros). A comarca de Noia ten unha débeda por habitante moi baixa de 50 euros, Barbanza de 154 euros e Muros de 169 euros. 

As limitacións impostas normativamente para garantir a estabilidade presupostaria impediron que a Administración local puidera actuar como motor para contrarrestar os efectos da crise e incluso contribuíron a agravala coa suba dos impostos municipais.

Comentarios
Lo más