Ames celebrará o vindeiro 28 de setembro unha nova edición do Día do Deporte e a Carreira e Andaina da Familia

Ames celebrará o vindeiro 28 de setembro unha nova edición do Día do Deporte e a Carreira e Andaina da Familia
Ames celebrará o vindeiro 28 de setembro unha nova edición do Día do Deporte e a Carreira e Andaina da Familia

A área deportiva do Milladoiro acollerá o vindeiro sábado, 28 de setembro, a realización de diferentes actividades de grupo, xunto con outras dirixidas a adolescentes e maiores. O Concello ofrecerá a posibilidade de probar novas disciplinas como o squash e o golf

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu o pasado martes, 17 de setembro, a presentación dunha nova edición do Día do Deporte e a realización da III Carreira e Andaina da Familia, que se levarán a cabo o sábado, 28 de setembro, no Milladoiro. Con motivo da conmemoración da Semana Europea do Deporte, que se celebra do 23 ao 29 de setembro, a Concellaría de Deportes preparou un programa específico de actividades para conmemorar esta data. Na presentación estiveron presentes a concelleira de Deportes, Susana Señorís, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, representantes de ASANOG e o técnico de Deportes, Alberto Viaño. Toda a recadación do día irá destinada integramente a ASANOG, a Asociación de Axuda a Nenos/as Oncolóxicos de Galicia.

Con motivo da celebración deste Día do Deporte, a área deportiva do Milladoiro acollerá o vindeiro sábado, 28 de setembro, a realización de diferentes actividades de grupo, impartidas por clubs de Ames, como son o baloncesto, fútbol sala, voleibol, tenis, patinaxe, atletismo, xadrez, piragüismo e judo, xunto con outras actividades dirixidas a adolescentes e maiores como son o zumba, step, ioga, spinning, body combat ou pilates. 

Ademais, ao igual que o ano pasado, o Concello ofrecerá a posibilidade de probar novas disciplinas como o squash e o golf. Unha extensa oferta deportiva que se ofertará ao longo de toda a xornada, en horario de mañá e tarde. Deste xeito, poderanse practicar diversas actividades deportivas repartidas espazos  diferentes. Para a concelleira de Deportes, Susana Señorís, a xornada permitirá “practicar diferentes modalidades coas novidades do golf e o squash nesta edición. Neste sentido, instalaremos unhas pistas inchables de squash para que os nenos e nenas se acheguen a estas disciplinas en horario de mañá e tarde. Asemade, contaremos coa presenza de Eva Rosón, campioa sub-11 de squash e Lucas Rosón, terceiro no ranking nacional”.

Con cada actividade entregarase un tícket para o sorteo de agasallos que se fará ao final da xornada. Tamén haberá inchables, obradoiros, competicións 3x3, carreiras e xogos. O Día do Deporte reunirá as actividades propostas na área deportiva do Milladoiro. Todas as actividades comezarán ás 11:00 horas e prolongaranse ata as 21:00 horas da tarde, cunha pausa para o xantar entre as 14.00 e as 17.00 horas.

III Carreira e Andaina da Familia

Dentro das actividades enmarcadas na celebración do Día do Deporte, desenvolverase a III Carreira e Andaina da Familia, un evento que permite a participación individual ou en familias monoparentais ou de máis integrantes, compostos por avós/avoas ou pais/nais e fillos/as. Toda a recadación do día irá destinada integramente a ASANOG, a Asociación de Axuda a Nenos/as Oncolóxicos de Galicia, unha asociación sen ánimo de lucro que nace en 2012 para contribuír no ámbito da nosa comunidade a mellorar o estado dos nenos oncolóxicos e as súas familias. 

A saída e meta da proba estará situada na rúa do Buxo, no aparcamento da Travesía do Porto a carón do Centro Comercial Novo Milladoiro. A participación está aberta a todo a veciñanza e este ano, para animar a máis familias, tamén se poderá participar dunha andaina con participantes de calquera idade. Os menores de 10 anos deberán ir obrigatoriamente acompañados dun adulto na andaina/carreira. 

Ás 11:00 horas procederase á entrega de dorsais e bolsa de regalo na carpa da organización para, media hora despois, iniciar a actividade cunha sesión musical que inclúe animación, baile e DJ. ÁS 12:00 horas haberá unha sesión de quecemento grupal antes de dar a saída da proba, cun percorrido de 3 km aproximadamente co obxectivo de que todos os integrantes das familias participantes poidan disputar a proba sen carácter competitivo. Ás 12:45 comezarán unha serie de actividades lúdicas para toda a familia e haberá inchables e xogos para os nenos e nenas. 

O fin de festa, previsto para as 13:30 horas, contará cun sorteo de agasallos e a entrega de premios. A organización estableceu diferentes premios para a familia máis numerosa, o avó/avoa de máis idade, os 3 primeiros chegados a meta, a primeira familia monoparental, a primeira familia de 3 integrantes, a primeira familia de 4 integrantes e a primeira familia de 5 integrantes.

Comentarios