A Xerencia Sanitaria de Santiago súmase para celebrar o Día Mundial do Alzhéimer

A Xerencia Sanitaria de Santiago súmase para celebrar o Día Mundial do Alzhéimer
A Xerencia Sanitaria de Santiago súmase para celebrar o Día Mundial do Alzhéimer

Doentes da área compostelá foron os primeiros galegos en beneficiarse dos estudos con PET AMILOIDE, a proba de referencia máis novidosa para a detección precoz

A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago súmase á celebración, hoxe 21 de setembro, do Día Mundial do Alzhéimer, mantendo o seu compromiso de seguir na vangarda da asistencia e investigación desta demencia. O Alzheimer é a causa máis frecuente de demencia, soa ou asociada a dano vascular. Cada ano vense máis de 2.500 pacientes por sospeita de demencia nas consultas de neuroloxía cognitiva da área sanitaria de Santiago, unhas 800 son primeiras consultas.

Así, este ano doentes composteláns foron os primeiros galegos en beneficiarse dos novos estudos de PET AMILOIDE en Galicia no marco dun proxecto de investigación financiado polo Instituto de Salud Carlos III e desenvolvido en colaboración entre os servizos de Neuroloxía e Medicina Nuclear. Actualmente o PET AMILOIDE é considerada a proba de referencia de diagnóstico pola imaxe para detectar “in vivo” e de xeito precoz o depósito cerebral da proteína anómala relacionada coa xénese desta enfermidade.

Este proxecto ven de acadar nova financiamento na convocatoria de axudas 2019 do ISCIII para os próximos tres anos. Realizaranse estudos PET AMILOIDE a un grupo moito maior de pacientes con sospeita de Enfermidade de Alzhéimer. Os resultados permitirán mellorar a futura aplicación da técnica na práctica asistencial e o desenvolvemento de novos biomarcadores de imaxe que poidan integrarse en modelos preditivos. Este proxecto, denominado EARLY2 ALZ, inclúe unha análise en profundidade das posibilidades que permite o PET AMILOIDE non só no diagnóstico precoz senón tamén na súa capacidade para identificar aqueles pacientes cuxa evolución será máis rápida e grave.

“Mellorar as técnicas de neuroimaxe facilitará nun futuro non afastado a consecución de tratamentos que modifiquen de forma eficaz o curso da enfermidade de Alzhéimer” subliña José Manuel Aldrey, responsable da Unidade de Demencias Cognitivas  do CHUS.

Por outra banda, nos próximos meses iniciarase outro ensaio clínico cun novo fármaco cun potencial prometedor para a enfermidade de Alzhéimer que busca producir unha modificación real no curso da enfermidade, constituíndo unha vía alternativa aos que se empregan na actualidade.

Unidade de Demencias

Os pacientes con deterioración cognitiva acoden a consulta de forma máis precoz, en estadios máis leves, o que permite un diagnóstico máis temperán e o inicio máis precoz do tratamento. Máis da metade dos pacientes que acuden á consulta de demencias do Hospital Clínico de Santiago, nos últimos anos presentan lixeiros problemas de memoria. “Parece que a poboación é cada vez máis consciente da necesidade de abordar estes problemas de forma precoz e probablemente está en relación coa divulgación que nestes anos foise producindo”, subliña o doutor Aldrey. 

Así, na unidade de deterioro cognitivo está regularizado o uso de determinacións específicas de biomarcadores de Alzhéimer na práctica asistencial habitual, co que se poden realizar cada vez diagnósticos máis precoces.

Ademais do diagnóstico precoz, os esforzos desta unidade foron dirixidos preferentemente a facilitar o acceso á asistencia aos pacientes con trastornos de conduta asociados á deterioración cognitiva. En torno ao 30% dos pacientes presentan algún tipo de trastorno conductual, cuxa abordaxe específica é de gran transcendencia polo impacto que supoñen sobre o paciente, agravando a súa enfermidade, e sobre o núcleo coidador, incrementando a súa sobrecarga.

“A enfermidade de Alzhéimer non afecta só ao doente”, resalta Juan Manuel Pías Peleteiro, facultativo da Unidade de Demencias do CHUS, xa que ten unha repercusión extraordinaria sobre os familiares, especialmente no coidador principal. Con tal motivo o CHUS está a realizar un proxecto de investigación, en colaboración coa socióloga Ana Díaz, que busca analizar diferentes estratexias de afrontamento da enfermidade por parte do coidador principal. “Estas estratexias defínense como o conxunto de esforzos  e actitudes que o coidador principal dedica a tratar de solucionar os problemas e obstáculos derivados da enfermidade, que son percibidos como excesivos. Analizar esta carga para poder aliviala é necesaria para aplicar o tratamento ao doente no sentido amplo da patoloxía”, afirma o doutor Pías. 

Proxecto de investigación básica

Desde o Laboratorio de Investigación en Neurociencias Clínicas (LINC) do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago coordinase unha das principais investigacións europeas sobre a enfermidade do Alzhéimer que busca desenvolver ferramentas que permitan o diagnóstico precoz da enfermidade de Alzhéimer 5 anos antes de que comece a sintomatoloxía clínica.

Coordinado por Tomás Sobrino, o proxecto está dotado cun orzamento de 7,8 millóns de euros aportados pola Unión Europea e xestionados integramente dende a institución compostelá. Participan máis de 100 investigadores europeos, liderados polo Grupo de Neurociencias Clínicas do IDIS.

Dentro do mesmo Grupo de Neurociencias do IDIS, Francisco Campos lidera outro proxecto H2020 denominado MADIA (Magnetic Diagnostic Assay for Neurodegenerative Diseases // Ensaio Diagnóstico Magnético para Enfermidades Neurodexenerativas) cuxo obxectivo principal é desenvolver un dispositivo “point off care” coa suficiente sensibilidade e especificidade para detectar en sangue os marcadores patolóxicos da Enfermidade de Alzhéimer en fases precoces. A consecución deste obxectivo sería un gran avance xa que permitiría unha cribaxe preventiva debido a que o sangue é una mostra biolóxica máis accesible para a realización de análises clínicas.

Comentarios
Lo más