O Gaiás arranca o ciclo musical ‘Viraxes’ coa versión en galego de Carmina Burana

O Gaiás arranca o ciclo musical ‘Viraxes’ coa versión en galego de Carmina Burana
O Gaiás arranca o ciclo musical ‘Viraxes’ coa versión en galego de Carmina Burana

O espectáculo correu a cargo da Banda de Música Municipal de Valga acompañada dos solistas Esperanza Mara, Enrique Alberto Martínez e Eliseu Mera; do coro Gli Appassionati; e do coro de nenos e nenas da Escola de Música Municipal de Valga

Carmina Burana soou este sábado en galego no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Foi o primeiro dos tres concertos do ciclo Viraxes, no que as bandas populares lle dan unha volta aos seus repertorios máis
tradicionais, mesturando a súa música con xéneros como a clásica, o teatro ou o circo. O espectáculo, con entrada de balde e a participación de máis de 150 artistas, contou coa asistencia do director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo.

O concerto arrancou cun minuto de silencio de todo o auditorio en memoria das tres mulleres asasinadas esta semana en Valga vítimas de violencia machista. Precisamente o espectáculo En concerto con Carmina Burana é un proxecto da Banda de Música Municipal de Valga –dirixida por Manuel Villar Touceda–, na compaña dos solistas Esperanza Mara (soprano), Enrique Alberto Martínez (tenor) e Eliseu Mera (barítono); do coro vigués Gli Appassionati; e do coro de nenos e nenas da Escola de Música Municipal de Valga. Trátase da primeira tradución dos textos medievais íntegros ao galego –realizada Raúl Gómez Pato–coa música orixinal de Carl Orff, nunha versión feita e pensada para o público do século XXI.

Viraxes continuará con dúas novas citas no Museo Gaiás os sábados 7 e 14 de decembro. Por un lado, a Unión de Guláns –unha das bandas máis antigas de Galicia cunha traxectoria que se remonta ao século XIX– interpretará o espectáculo MIB: Músicos in Black, xunto ao grupo de teatro Todos Xuntos. Trátase dun proxecto teatral en clave de humor, nado da colaboración entre ambas formacións artísticas e coa implicación de toda a veciñanza desta pequena aldea de Ponteareas. Pola súa banda, a Unión Musical de Meaño e a compañía galega de novo circo Pistacatro representarán Orquestra de malabares, un espectáculo dirixido especialmente a público familiar no que presentarán un abraiante diálogo escénico entre a banda e seis malabaristas.

Comentarios
Lo más