Rubén Cela congrega a 160 persoas na súa despedida política

Rubén Cela congrega a 160 persoas na súa despedida política
Rubén Cela congrega a 160 persoas na súa despedida política

Nas intervencións destacaron a súa capacidade de diálogo para chegar a acordos polo ben común de Santiago de Compostela

O que fora concelleiro e portavoz do BNG en Santiago, Rubén Cela, viviu na tarde de onte unha homenaxe no Gran Hotel Os Abetos a que asistiron 160 personas, entre elas máis de 30 representantes do asociacionismo compostelán, funcionarios/as municipais, familiares, amizades e integrantes da Executiva nacional, militantes e simpatizantes do BNG.

Durante o xantar celebrado, proxectouse un video no que se recolleu a actividade política de Cela ao longo dos 8 anos no Concello de Santiago. O agasallo colectivo foi unha escultura de Castelao, a tamaño natural, creada para a ocasión pola artesá Antía Ferrer Lendoiro. Ao remate actuou Vu-du, un grupo integrado por Maritxinha, e Belem Tajes e Bruno Couceiro que foi gañador do Premio Martín Codax na categoría categoría blues/funk/soul e do Premio Opinión.


Nas intervencións, Goretti Sanmartín, actual portavoz municipal, destacou que Rubén Cela é “unha persoa nova e con experiencia, con capacidade de diálogo, que traballa con seguranza, rigor, honestidade e bo humor”, ao que lle recomendou “coller forzas porque ten un futuro político por diante”. A responsábel comarcal e ex-concelleira, Elvira Cienfuegos, recoñeceu que Rubén Cela “dedicou todo o tempo necesario para os temas municipais, para atender todas as persoas e colectivos que requirían unha solución a cada problema de Santiago que lle expoñían; sempre cun sorriso, con empatía, boa disposición e xenerosidade”, ademais de destacar o seu sentido da responsabilidade para desenvolver o proxecto político do BNG no ámbito municipal.


En representación do asociacionismo interveu Alberto Chenel, da asociación veciñal da Gracia, quen dixo que “Rubén Cela era o concelleiro que mellor coñecía o concello”, ademais de sinalar “que desde os colectivos sempre atopamos nel o compromiso, diálogo e solidariedade”. “Rubén Cela é un exemplo de capacidade para chegar a acordos polo ben común da veciñanza de Santiago de Compostela”, afirmou.


A portavoz nacional Ana Pontón lembrou os seus inicios en política xunto a Rubén Cela, tanto en Galiza Nova como nos CAF, e explicou que ademais dun gran amigo é “unha persoa emprendedora, de gran corazón que aínda ten que darlle moito a este país no ámbito político”.


Comentarios
Lo más