Ribeira ampliará o ecoparque arbóreo de aventuras pasando de tres a seis circuítos

Ribeira ampliará o ecoparque arbóreo de aventuras pasando de tres a seis circuítos
Ribeira ampliará o ecoparque arbóreo de aventuras pasando de tres a seis circuítos

O obxectivo desta intervención reside en potenciar o interese desta infraestrutura como espazo de turismo activo sacándolle maior potencial ás enormes posibilidades do periurbano de San Roque

O Concello vai duplicar as prestacións do ecoparque arbóreo de aventuras de San Roque, pasando dun total de tres circuítos a seis.

O obxectivo desta intervención reside en potenciar o interese desta infraestrutura como espazo de turismo activo sacándolle maior potencial ás enormes posibilidades do periurbano de San Roque. Para a súa materialización o Concello está en xestións coa Xunta de Galicia coa finalidade de elaborar un convenio co que recibir axuda para o seu financiamento.

Os xogos que se van implementar revestirán maior dificultade que os xa existentes na busca de satisfacer as expectativas dun maior espectro de usuarios.

Así, un dos circuítos estará equipado cos seguintes elementos: rocódromo, rondinos locos, ponte de corda, unha tirolina de 17 metros e outra de 200 metros.

O circuíto 2 disporá de: unha escaleira de cordas, unha parede de paso, un trapecio sentado, unha ponte balancín e un cable de equilibrio.

O circuíto 3 levará: unha escaleira de cordas, lianas múltiples, rede de troncos e tirolina de 150 metros.

A actuación ten un orzamento de 48.070 euros e un prazo de execución de dous meses.

TEMPADA BAIXA

Cómpre lembrar que o ecoparque segue funcionando, se ben co inminente inicio da tempada baixa vai abrir baixo demanda, calquera día da semana e cun grupo mínimo de dez participantes.

Comentarios