Ana Pontón: "Este será o último debate de Feijóo"

Ana Pontón: "Este será o último debate de Feijóo"
Ana Pontón: "Este será o último debate de Feijóo"

No Debate de Política xeral, o BNG reclamará outro modelo económico, blindar os servizos públicos, defender a igualdade e os dereitos das mulleres, reforzar a identidade galega, ampliar o autogoberno e medidas contra a emerxencia climática

Ante a nova convocatoria electoral do 10N, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que é necesario cambiar o papel de Galicia no estado e darlle peso porque con esta política “subordinada o centralismo, a Galicia vaille mal, e que o que necesitamos é menos Madrid e máis Galicia”.

A nacionalista explicou que a nova convocatoria é o “resultado do fracaso dos partidos estatais e dos seus líderes que demostraron, a súa inutilidade e incompetencia, e que non son capaces de ver máis alá das súas narices, dos seus egos e dos seus intereses partidistas”.

Este fracaso das forzas estatais, asegurou Pontón é unha oportunidade para que Galicia, a partir do 10N teña “unha voz propia que defenda os nosos intereses da man do BNG”

No BNG, dixo, temos claro que estas eleccións “non son un trámite, nin un ensaio para as eleccións galegas”, estas eleccións son unha gran oportunidade para que Galicia teña peso político e determine a política estatal. “Polo tanto, imos ir a por todas nesta repetición electoral, para converter o problema xerado pola incompetencia e pola inutilidade das forzas estatais nunha oportunidade para Galicia”.

Neste sentido avanzou que o BNG celebrará o vindeiro sábado un Consello Nacional para abordar candidaturas, programa e campaña e activando a toda a organización cara o 10N porque para nós, recalcou a nacionalista, as eleccións do vindeiro 10 de Novembro é unha cita de “primeira magnitude”, e estamos traballando para conseguir un obxectivo de país, “que Galicia volva ter unha voz que nos defenda”. Como xa teñen vascos, cataláns, canarias, valencianas e até os cántabros. Porque se algo vimos nestes últimos tempos é que para que Galicia teña voz sen ataduras, que nos defenda e actúe en clave galega, ten que estar o BNG”.

DEBATE DO ESTADO DA NACIÓN

Para a portavoz nacional do BNG, o debate de Política xeral ten unha grande transcendencia porque será avaliada unha década de goberno de Feijóo. Un balance global, na súa opinión que deixa “unha Galicia peor” que hai dez anos cando chegou ao goberno.

Agardamos, manifestou Pontón que Feijóo non caia na tentación de subordinar de novo Galicia á estratexia partidista do PP, e que non converta a súa intervención nun “mitin no que reduza a Galicia a ser teloneira dos intereses electoralistas de Pablo Casado”.

No debate, Feijóo debe explicar porque incumpriu as súas promesas para xerar emprego, saír con pulo da crise económica, garantir a sanidade e lembrou que Feijóo tamén prometeu austeridade e o que fixo foi “triplicar a débeda pública de Galicia” e aplicar os maiores recortes das últimas décadas. Por outra parte, prometeu frear a crise demográfica e na actualidade contamos cos peores resultados da historia neste ámbito.

A portavoz do BNG fixo fincapé na incapacidade do goberno liderado por Feijóo para ampliar o autogoberno. “Prometeu ter máis autogoberno e non conseguiu ningunha nova competencia”, este é o resultado da súa xestión.

Pontón mostrouse convencida de que o Debate do Estado da Nación será o “último debate de Feijóo” que pecha un fin de ciclo no que os galegos e galegas daranlle carpetazo en canto sexan convocados ás urnas. “Feijóo é o pasado e Galicia ten que mirar cara o futuro e no BNG temos un proxecto de futuro para Galicia”

Nesta liña, avanzou que no Debate de Política xeral, o BNG defendera cinco eixos con propostas dun proxecto ambicioso e modernizador porque outra Galicia é posible. A defensa dun novo modelo económico, blindar dos servizos públicos, a igualdade de xénero como base dun novo modelo social, a loita contra a emerxencia climática e o reforzamento da identidade galega e a capacidade de decisión como mellor xeito de enfrontar a globalización e as desigualdades.

Comentarios