Ponse en marcha unha nova edición do programa Amessan

Ponse en marcha unha nova edición do programa Amessan
Festa de fin de curso de Amessan 2019
Ponse en marcha unha nova edición do programa Amessan

Este ano o programa inclúe algunhas novidades, entre as que destaca a creación dun obradoiro de teatro e corporalidade e outro de decoración e restauración

O Concello de Ames xa ten pechado o programa Amessan para o curso 2019-2020. Os obradoiros e actividades deste servizo están dirixidos a persoas maiores de 60 anos empadroadas no concello de Ames. Deste programa tamén poden tomar parte aquelas persoas cunha discapacidade, presentando un informe médico que recomende a súa asistencia a algunha das aulas. A oferta deste curso inclúe os obradoiros de decoración e restauración, estimulación cognitiva, música tradicional, ximnasia terapéutica e teatro e corporalidade.

As actividades do programa Amessan impártense nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tarroeira, Trasmonte, Oca, nos centros socioculturais de Bertamiráns e do Milladoiro e na Casa dos Maiores do Milladoiro. As clases comezan o día 1 de outubro e rematarán no mes de xuño. As actividades de decoración e restauración, estimulación cognitiva, teatro e corporalidade e música tradicional contan con 15 prazas por grupo, e as de ximnasia terapéutica con 25 prazas. O grupos teñen que estar formados como mínimo por oito participantes.

Para participar dos obradoiros non é precisa a inscrición previa. As persoas que se queiran anotar deberán acudir, levando o seu documento de identidade, ao local onde se imparte a actividade o primeiro día de clase. Alí cubrirán unha ficha para formalizar a súa asistencia. As persoas con algunha discapacidade deberán levar o seu certificado médico. De todas formas, para calquera consulta pódese chamar aos números de teléfono 672071561 (de 10:00 a 14:00 horas) ou 662377044.

A concelleira de Benestar Social, Luisa Feijoo, anima á veciñanza de Ames a que “se apunte a este programa, que cumple xa a súa décimo sexta edición consecutiva, o que amosa a importancia e interese que desperta entre os nosos maiores. O envellecemento da poboación é un dos retos que temos que abordar como Concello , porque para ter unha sociedade forte e de futuro temos que promover unha terceira idade activa e con calidade de vida. Os Concellos temos a obriga de facilitarlles os instrumentos para conseguir a súa implicación social, permitindo ás persoas realizar todo o seu potencial de benestar físico, social e mental o longo do seu ciclo vital participando nas actividades de acordo cas súas necesidades, desexos e capacidades”.



Comentarios
Lo más