Situación "crítica" na Atención Primaria durante o verán: "reducíronse ata o 50% de facultativos

Situación "crítica" na Atención Primaria durante o verán: "reducíronse ata o 50% de facultativos
Situación "crítica" na Atención Primaria durante o verán: "reducíronse ata o 50% de facultativos

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM) denuncia a falta de persoal nos centros de saúde, que "provocou listas de espera de ata 13 días, tempos de espera de ata tres horas e unha sobrecarga de traballo insoportable" para os médicos de familia e os pediatras


A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM) denuncia a situación "crítica" que viviu a Atención Primaria este verán pola falta de persoal, "chegando nalgúns casos a reducirse ata o 50% o número de facultativos", o que, advertiu, "provocou listas de espera de ata 13 días nalgúns centros de saúde, tempos de espera de ata tres horas para ser atendidos os pacientes e unha sobrecarga de traballo insoportable" para os médicos de familia e os pediatras.

"A situación vivida este verán levou a episodios inverosímiles, como o protagonizado pola directora asistencial da EOXI Pontevedra-O Salnés, quen chegou a facer gardas completas de tarde e noite nunha PAC do Salnés, un 'xesto' que queda bastante afastado do que deberían ser os seus labores e responsabilidades desde o cargo que ostenta", explicou CESM nun comunicado.

O sindicato médico explicou que, "fronte ao reforzo necesario en época de verán" nas zonas de afluencia turística como a costa ou Santiago, o Sergas, "en lugar de planificar e xestionar as vacacións dos facultativos -cuxas preferencias deben comunicar os profesionais antes do 31 de marzo- coas substitucións necesarias" para cubrir esas ausencias, "opta por recorrer ás intersubstitucións e prolongación de xornada de quen xa de seu están saturados con axendas interminables", lamentou.

O resultado, indica o sindicato, "non pode ser outro que o de xerar listas de espera de ata 13 días, como ocorreu no Centro de Saúde de Cedeira", no que, explicou, "un paciente para activar a renovación dos medicamentos prescritos telefonicamente tivo que esperar unha semana, e outro caso no que o paciente tivo que esperar 13 días para ser atendido en consulta".

CESM acusa o Sergas "de falta de planificación e previsión", posto que, incidiu, "esta situación repítese todos os anos sen que traten de pór solución ao problema" e, ademais, "ponse en evidencia o fracaso do Plan de Atención Primaria aprobado o pasado mes de maio, polo menos no referente ao persoal facultativo", sostivo.

CESM advirte de que "a sobrecarga de traballo á que están expostos" os médicos de familia e os pediatras de Atención Primaria, que, asegura, "seguen cun tremendo déficit de profesionais", provoca "cadros de tensións e ansiedade, que están a incrementar as baixas dos facultativos".

Por iso, esta central sindical esixe á Xunta "que pase das boas palabras e dos xestos á acción, para dar unha solución definitiva a un problema que se repite cada vez que chega un período vacacional". Neste sentido, demanda "que se adopten medidas de atracción e fidelización dos profesionais para que non se marchen a outras comunidades autónomas" ou a outros países, "onde si se lles recoñece e compensa a súa profesionalidade", engade.

CESM anuncia que, de non tomarse medidas "con carácter inmediato para resolver a situación que atravesa a Atención Primaria" en Galicia desde hai máis dunha década, non descartan acudir ás mobilizacións "para facer reaccionar dunha vez por todas ao Executivo", avisa.


Comentarios
Lo más