As hipotecas sobre vivendas aumentan o dobre que a media estatal en xullo en Galicia

As hipotecas sobre vivendas aumentan o dobre que a media estatal en xullo en Galicia
As hipotecas sobre vivendas aumentan o dobre que a media estatal en xullo en Galicia

Galicia é a sétima comunidade que máis incrementou o número préstamos hipotecarios en vivendas desde xullo de 2018



O número de hipotecas constituídas sobre vivendas inscritas nos rexistros da propiedade situouse en 1.181 en xullo en Galicia, cifra un 22,1% superior á do mesmo mes de 2018, segundo os datos que publica este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE), que lembra que os datos achegados proceden de escrituras públicas realizadas anteriormente.

As 1.181 vivendas hipotecadas durante este pasado xullo sitúan á Comunidade como a sétima de España que máis incrementou o número de préstamos hipotecarios en comparación con xullo de 2018, por detrás de Estremadura, Castela-A Mancha, Castela e León, Andalucía, Rexión de Murcia e Aragón. Estas 1.181 vivendas recibiron préstamos que suman a cantidade de 112,04 millóns de euros, un 18,7% máis que en xuño deste ano e un 20% máis que en comparación co sétimo mes do ano anterior.

En total, en Galicia rexistráronse 1.814 hipotecas sobre leiras no sétimo mes do ano, das que a maior parte (1.758) son leiras urbanas e 56 corresponden a rústicas. Os bancos foron as entidades que constituíron a maioría dos préstamos outorgados, un total de 1.753.

Pola súa banda, en xullo tamén se rexistraron 1.677 cancelacións, a maioría delas sobre vivendas (1.074), 90 sobre leiras rústicas, 20 sobre solares e 493 sobre outro tipo de hipotecas. No mesmo período cuantificáronse 80 cambios na hipoteca, que corresponden 70 a un novo acordo de vontades entre as partes, nove ao cambio de debedor e un ao cambio da entidade que realiza o préstamo.

DATOS ESTATAIS

No conxunto do estado, o número de hipotecas constituídas sobre vivendas situouse en 33.344 o pasado mes de xullo, cifra un 13,1% superior á do mesmo mes de 2018. De acordo cos datos difundidos polo INE, o importe medio das hipotecas sobre vivendas baixou un 2,5% respecto de xullo de 2018, ata os 121.414 euros, mentres que o capital prestado subiu un 10,3% en taxa interanual, ata os 4.048 millóns de euros.

Comentarios