Sánchez Bugallo aposta polo modelo de industrialización e de captación de investimentos dos concellos do norte de Portugal

Sánchez Bugallo aposta polo modelo de industrialización e de captación de investimentos dos concellos do norte de Portugal
Sánchez Bugallo aposta polo modelo de industrialización e de captación de investimentos dos concellos do norte de Portugal

Tras participar esta semana en Portugal na presentación dun informe do Eixo Atlántico sobre captación de investimentos para os concellos, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, puxo como exemplo os municipios do norte de Portugal de modelos exitosos de industrialización e de captación de empresas

Sánchez Bugallo resaltou o "salto cuantitativo e cualitativo" que concellos do norte de Portugal foron capaces de dar na industrialización e na captación de investimentos industriais. En particular, citou o exemplo de Viana do Castelo, cun parque industrial con 42 empresas, das que só unha é española, polo que, dixo, "non se pode falar de deslocalización".

Establecendo unha comparación con Santiago, explicou que "nós temos aeroporto, solos industriais, infraestruturas… pero fáltanos unha política e facilitades para a implantación de empresas". Neste sentido, avanzou, "temos un compromiso activo" nesta dirección, e indicou que se están dando pasos, "como a Mesa pola industrialización, a proposta de hub tecnolóxico en biotecnoloxía e o solo industrial".

Outra das cidades lusas que puxo como exemplo foi Braga, coa que anunciou que se avanzará no irmandamento e no traballo conxunto en materia industrial, pero tamén turística, coa intención de potenciar o Camiño Portugués, e investigadora, con colaboracións entre a USC e a Universidade do Minho. A propósito dos lazos de unión entre Santiago e Braga, o rexedor lembrou que foi un profesor da USC, José Rivas, o encargado de por en marcha no seu día na cidade lusa o Instituto Ibérico de Nanotecnoloxía.

Comentarios