O Pino pídelle a Fomento que amplíe e arranxe o vial de saída da A-54 cara Cerceda e Touro

O Pino pídelle a Fomento que amplíe e arranxe o vial de saída da A-54 cara Cerceda e Touro
O Pino pídelle a Fomento que amplíe e arranxe o vial de saída da A-54 cara Cerceda e Touro

O concello de O Pino venlle de solicitar ao Ministerio de Fomento que asuma as obras de ampliación e mellora do firme da estrada local que sirve de saída 77 da autovía Santiago-Arzúa (A-54) cara Cerceda e Touro

“O firme está tan deteriorado que en algún tramo destes 1.200 metros que unen a autovía coa N-547 non caben un camión e un turismo”, asegura o alcalde de O Pino, Manuel Taboada, amosando un informe de seguridade viaria feito pola Garda Civil de Tráfico e que tamén se remitiu a Fomento. O pleno da Corporación, aprobou por unanimidade esta semana solicitarlle ao Ministerio o arranxo desta estrada local.

Manuel Taboada recorda que esta estrada de competencia municipal e moi utilizada polos vehículos pesados que van cara a Touro. “Xa durante as obras da autovía, os camións que transportaban os áridos para a autovía utilizaban este vial, polo que o firme en moitos puntos  está totalmente desfeito”, asegura Taboada Vigo. En algúns tramos, a calzada apenas ten 4 metros de ancho, polo que cando se cruzan dous vehículos prodúcense situacións de perigo.

O Concello pediulle un informe de seguridade viaria á Garda Civil de Tráfico, no que se asegura que o ancho medio da calzada é de 4,8 metros, e nas veiras está moi deteriorado, sobre todo na zona máis próxima a autovía. “Segundo recolle a Garda Civil hai puntos nos que non cabe un camión e un turismo, e un dos dous ten que botarse á beiravía”, indica Taboada.

Parte do deterioro desta vía, débese a que durante a execución da A-54, a altura da actual rotonda, estaba situada a planta de concentración de áridos de toda a autovía, polo que o tráfico de camións foi moi intenso durante o tempo que duraron aas obras, o que provocou o deterioro desta estrada local que agora dende o Concello solicitan que arranxe Fomento.

Nunha recente reunión co xefe de Estradas do Estado en Galicia, dependente do Ministerio de Fomento, Ángel González del Río, o alcalde de O Pino entregoulle un proxecto feito polo Concello de O Pino, que ascende a 106.271,29 euros e que permitiría ampliar 0,75 centímetro cada beiravía desta estrada, e votar unha nova capa de aglomerado, para facer unha plataforma de, polo menos, 5,5 metros de ancho que mellore a seguridade viaria.

“A mellora dos enlaces de entrada e saída da autovía coa nacional N-547 fixémoslla dende o Concello tanto ao Ministerio de Fomento como a empresa adxudicataria durante as obras da autovía”, sinala Taboada, quen considera que “non debe ser o Concello o que teña que asumir a mellora dos accesos a autovía”.

Algúns veciños de Cerceda tamén se queixan do incremento de tráfico, coa presencia de moitos camións, nesta pista. “A estrada é tan estreita que non cabe un coche e un camión, e temos medo de que haxa algún atropelo. É preciso ampliar o ancho desta estrada para garantir a seguridade viaria”, indican os veciños, que recordan como moitas veces, no cruce da N-547 con esta estrada local se producen atascos cando un camión tenta saír ou entrar e non deixa espazo para outros vehículos.


Comentarios
Lo más