Aberto a inscrición para participar no IX Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames “Desata a Lingua”

Aberto a inscrición para participar no IX Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames “Desata a Lingua”
Aberto a inscrición para participar no IX Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames “Desata a Lingua”

O certame ten por obxecto dinamizar dun xeito lúdico, e a través da creatividade, o uso oral e escrito do galego entre a mocidade amesá. Fomenta, ademais, o gusto polo teatro e o achegamento á radio municipal

Os centros de ensino secundario de Ames xa contan coas fichas de inscrición para que o alumnado matriculado en 1º, 2º, 3º e 4º daESO poida participar dunha nova edición do Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames “Desata a Lingua” . O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o venres, 18 de outubro, e as inscricións realizarase nos propios centros de ensino, a través do Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega.

Todo o alumnado inscrito no Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames “Desata a Lingua” participará nunha xornada de formación conxunta o día 23 de outubro. A partir desa xornada, cada un dos grupos terá que elaborar e revisar os seus guións, para telos rematados na data que establezan no centro de ensino. Entre o 6 e o 8 de novembro, os grupos seleccionados perfeccionarán a súa peza noutra sesión formativa nos propios centros de ensino onde se lles facilitarán aos participantes claves de locución e interpretación. Os grupos seleccionados realizarán a gravación e a montaxe das pezas na Radio municipal de Ames, na semana do 18 de novembro, previa cita fixada pola organización. A emisión das pezas realizarase en Ames Radio (FM 107.2) entre o 2 e o 5 de decembro, e tamén estarán os traballos dispoñibles na sección de AVISOS da páxina web municipal.


Como en edicións anteriores, haberá tres premios de 200 euros para os grupos gañadores: o premio ao mellor guión orixinal, o premio á mellor interpretación e o premio do público, polo que a audiencia de Ames Radio escollerá entre  as pezas emitidas a que obterá este galardón. A votación realizarase entre o 3 e o 8 de decembro (incluídos) a través do correo electrónico radioteatro@concellodeames.gal e só se computará un voto por remitente. Asemade, o Concello de Ames designará un xurado que será o encargado de seleccionar os premios ao mellor guión e interpretación. Os premios daranse a coñecer e entregaranse nunha gala o 19 de decembro de 2019, á que asistirá todo o alumnado participante.

Comentarios