Presentado o plan de contixencia da gripe en Santiago

Presentado o plan de contixencia da gripe en Santiago
Presentado o plan de contixencia da gripe en Santiago

Nel determínanse as actuacións previstas na área sanitaria de Santiago para garantir a axeitada organización de medios para a atención asistencial á súa poboación durante a época da gripe

Xerencia e profesionais da área sanitaria compostelá presentaron esta venres o Plan de Continxencia da Gripe para a Tempada 2019/2020, no que se determinan as actuacións previstas na xerencia compostelá para garantir a axeitada organización de medios e a atención asistencial á súa poboación durante a época da gripe.

O Plan destaca a necesidade de priorizar a asistencia da gripe nos dispositivos de Atención Primaria, evitar as consecuencias máis graves debidas á infección; atender os picos de demanda nos diferentes dispositivos asistenciais; prestar a mellor asistencia aos doentes con gripe garantindo o normal funcionamento do resto do hospital; minimizar posibles brotes e contemplar os procedementos alternativos para dar resposta ao incremento da demanda.

Nel se definen os protocolos a seguir nos casos sospeitosos, tanto na atención primaria como na hospitalaria así como os criterios básicos de ingreso hospitalario. Tamén se especifican medidas organizativas para a axilización da asistencia cando o incremento de afluencia de pacientes o require, así como medidas de reforzo de persoal, habilitación de espazos específicos e acopio de material pertinente. Activaranse circuítos para axilización e notificación das altas hospitalarias, así como do procedemento de ingreso desde urxencias.

Campaña de vacinación

A campaña de vacinación da gripe comeza para a poboación galega o vindeiro 14 de outubro e estenderase este ano unha semana máis, ata o 27 de decembro nos 76 puntos de vacinación situados nos centros de saúde da área sanitaria compostelá. O persoal sanitario poderá vacinarse desde o 7 de outubro para así poder afrontar a campaña xa protexido.

A xerente da área sanitaria compostelá, Eloína Núñez, animou a que se vacinen todas as persoas nas que está recomendada xa que “a vacina antigripal ademais de evitar casos diminúe as complicacións, e polo tanto o risco de hospitalización e mesmo de morte”. Tamén lembrou á poboación que “ante os síntomas de gripe debe acudir ao centro de saúde para consultar co seu médico de Familia ou ben chamar ao 061” ao tempo que subliñou máis a alta capacidade de resolución dos Puntos de Atención Continuada en atención primaria, nos que dan solución a máis do 90% das consultas.

A campaña de vacinación vai dirixida ás persoas de 60 ou máis anos de idade; embarazadas e persoas pertencentes a grupos de risco: aquelas con patoloxías cardíacas, respiratorias, renais, endócrinas, persoas con cancro ou outras inmunodeficiencias, con obesidade mórbida ou con disfunción cognitiva, entre outras.

Na pasada tempada (2018/19) vacináronse o 58,16 % das persoas maiores de 65 anos da área sanitaria compostelá (62.696 vacinas) o que supuxo un 0,44% máis que na campaña anterior, situándose unhas décimas por debaixo da media galega. En total puxéronse 93.407 vacinas, incluído persoal sanitario e doentes de risco. No CHUS houbo 319 ingresos con gripe e no hospital da Barbanza 43.


Comentarios