Chega a Santiago a Fundación "I´ll Push You" tras rematar o Camiño de Santiago

Chega a Santiago a Fundación "I´ll Push You" tras rematar o Camiño de Santiago
Chega a Santiago a Fundación "I´ll Push You" tras rematar o Camiño de Santiago

Tras sete días de ruta, o grupo liderado polos americanos Justin Skeesuck e Patrick Gray, creadores da Fundación, rematou a primeira edición deste percorrido polo Camiño de Santiago, organizado en colaboración coas axencias especializadas CaminoWays e Travel-For-All


O grupo percorreu os últimos 100 Km do Camiño Francés, apoiándose uns aos outros, co obxectivo de conseguir a Compostela. Á súa chegada a Santiago, Justin Skeesuck, visiblemente emocionado, mostrouse moi satisfeito por acadar este reto. Comentou que foi unha viaxe dura, especialmente na subida das zonas montañosas, pero que mereceu a pena porque "é o resultado dun esforzo de toda unha comunidade. Non podía ter uns compañeiros mellores", engadiu.

Justin, xunto aos seus compañeiros e compañeiras de viaxe, anunciou que en xuño do próximo ano outros dous grupos de I´ll Push You realizarán unha segunda edición do Camiño de Santiago.

Os promotores desta experiencia, Justin Skeesuck e Patrick Gray, son amigos e residentes en Ohio, Estados Unidos. Justin sufriu un accidente de tráfico con 16 anos. Posteriormente diagnosticáronlle unha enfermidade neuromuscular debilitante que lle impide mover brazos e pernas, o que o levou a moverse en cadeira de rodas. Un día contoulle ao seu mellor amigo, Patrick, que o seu soño era facer o Camiño de Santiago, ao que Patrick respondeu, "eu empuxareite". En 2014 finalizaron o traxecto de máis de 800 Km que separa Francia de Santiago. Despois de presentar a película e o libro sobre a súa experiencia, I’ll Push You decidiu volver á ruta xacobea, esta vez cun grupo de persoas con mobilidade reducida que, hai unhas horas, remataba con éxito os últimos 100 quilómetros do Camiño de Santiago.

Comentarios