O Hospital de Conxo xa conta cunha nova unidade de Paliativos que foi presentada onte

O Hospital de Conxo xa conta cunha nova unidade de Paliativos que foi presentada onte
O Hospital de Conxo xa conta cunha nova unidade de Paliativos que foi presentada onte

O espazo ten 19 habitacións individuais das que 2 se poderían facer dobres en caso de necesidade, amais de dúas estancias de confort para as familias

Os pacientes da xerencia de Xestión Integrada Compostelá contan cunha nova unidade de Paliativos no Hospital de Conxo. Hoxe trasladaranse os pacientes ás novas instalacións que contan con 19 habitacións individuais das que dúas poderían facer dobres en caso de necesidade, amais de dúas estancias de confort para familias. En total son 21 camas. O ano pasado a UPAL rexistrou 722 ingresos cunha estadía media de 12, 5 días e unha ocupación do 81%. O investimento do novo espazo foi duns 100.000 euros e que abrangue 920 m2. Os motivos principais de ingreso o ano pasado foron as neoplasias e as enfermidades do sistema nervioso.

A nova UPAL enmárcase dentro da estratexia de atención ao paciente crónico e pluripatolóxico e de humanización na que está inmersa da xerencia sanitaria de Santiago. Esta obra súmase ao novo Hospital de Día da Área Médica en Conxo, que xa está funcionando. Trátase dun paso máis na reorganización de espazos e servizos nos que está inmersa a xerencia de Santiago que contempla que a alta especialización se concentre no Hospital Clínico e os enfermos crónicos estean no Hospital de Conxo. 

COIDADOS PALIATIVOS

Os coidados paliativos son os coidados de pacientes con enfermidades avanzadas, progresivas e complexas así como das súas familias. Alivian a dor e outros síntomas das doenzas; respectan a vida e contemplan a morte como un proceso natural, non intentan nin precipitar nin atrasar o momento da morte; integran os aspectos psicolóxicos sociais e espirituais da atención ao paciente e ofrécenlle un soporte que lle permita vivir tan activamente como lle sexa posible, e á familia un sostén que lle axude a encarar o sufrimento do paciente e do seu propio duelo.

Amais, os coidados paliativos pretenden mellorar a calidade de vida e poden tamén influír favorablemente sobre o  curso da enfermidade; poden aplicarse en un estadio temperá da enfermidade, paralelamente a outras terapias enfocadas a prolongar a supervivencia (por exemplo, a quimioterapia ou a radioterapia); son igualmente compatibles coas probas necesarias para diagnosticar e tratar mellor as complicacións da enfermidade. 

Como exemplos están os coidados e a atención completa de pacientes e das súas familias nalgunha destas situacións: cancro que non  mellora cos tratamentos contra o tumor, dependencia total nunha enfermidade dexenerativa do sistema nervioso; insuficiencia cardíaca que non mellora cos tratamentos dispoñibles e non permite un transplante cardíaco; insuficiencia hepática crónica e cirrose que non mellora  cos tratamentos desa enfermidade e non permite un transplante de fígado e en doentes con prognóstico vital limitado ou en fase terminal da enfermidade.

Comentarios