Novo concerto dentro do programa do Festival Ateneo Barroco

Novo concerto dentro do programa do Festival Ateneo Barroco
Novo concerto dentro do programa do Festival Ateneo Barroco

O Teatro Principal acolle o mércores 9 de outubro (20:00 horas) un dos concertos destacados do festival no que contamos coa presenza da prestixiosa e virtuosa violinista francesa Amandine Beyer

Tras a primeira sesión o Ateneo segue homenaxeando a unha das figuras máis senlleiras do Barroco e de toda a historia da música, a Johann Sebastian Bach, no segundo dos cinco concertos do Festival Ateneo Barroco, patrocinado polo programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago e que conta coa colaboración da Universidade de Santiago. 

O Teatro Principal acolle o mércores 9 de outubro (20:00 horas) un dos concertos destacados do festival no que contamos coa presenza da prestixiosa e virtuosa violinista francesa Amandine Beyer, quen estará dirixindo ao seu conxunto Gli Incogniti, un grupo fundado en 2006 que acadou un salientable recoñecemento por parte de crítica especializada, público e programadores e actúa regularmente nas máis importantes salas de concerto e festivais (Berlín, Nova York, Lisboa, Bruxelas, París, Londres, etc.)

O programa do concerto inclúe obras de Bach e algunhas sonatas que, inicialmente atribuídas ao mestre, a musicoloxía finalmente recoñeceu que foron compostas polos seus máis talentosos e fieis discípulos, como é o seu fillo máis coñecido, o tamén compositor Carl Philipp Emanuel Bach, ou por algún dos seus alumnos, como é o caso de Johann Georg Pisendel. Todas elas obras nas que sen dúbida se nota a man de Bach, xenio musical e gran mestre de músicos.

Como cada día, no espazo de celebración de cada concerto, e con anterioridade ao mesmo (18:30 horas), celebraranse uns breves encontros cos artistas, dispostos a ilustrar e amosar as peculiaridades dos seus instrumentos e a satisfacer as dúbidas e curiosidades do público. Neste caso, esta charla-encontro terá un contido especial, xa que os músicos de Gli Incogniti e a súa directora Amandine Beyer, ademais de falar dos seus instrumentos (violín, viola da gamba, clave e frauta), ofrecerán unha visión máis de conxunto dunha agrupación de cámara e das peculiaridades da música de Bach para este tipo de música. Esta actividade é gratuíta con acceso limitado por rigorosa orde de chegada a 25 persoas.

Comentarios