A cidade rexistrou 13 infraccións na campaña de controis do uso do cinto

A cidade rexistrou 13 infraccións na campaña de controis do uso do cinto
A cidade rexistrou 13 infraccións na campaña de controis do uso do cinto

Dos 1.296 vehículos controlados, 1.146 eran turismos, 62 taxis, 32 autobuses e 56 vehículos de mercadorías

Durante a pasada semana, do 30 de setembro ao 6 de outubro, a Policía Local realizou controis do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil, no marco dunha nova campaña de vixilancia da Dirección Xeral de Tráfico. Os axentes inspeccionaron 1.296 vehículos, cun total de 13 infraccións.

Dos 1.296 vehículos controlados, 1.146 eran turismos, 62 taxis, 32 autobuses e 56 vehículos de mercadorías. As 13 infraccións corresponderon a turismos particulares, e dentro delas, 11 foron por non levar o cinto os condutores dos vehículos (o 0,85% do total), e 2 por non levalo os pasaxeiros adultos (o,48% do total de 418 ocupantes controlados). En canto ao uso dos sistemas de retención infantil (SRI), inspeccionáronse 15 vehículos e non se rexistrou ningunha infracción.

Sumando os controis da campaña realizada en marzo co mesmo fin, neste 2019 inspeccionáronse 3.934 vehículos, cun total de 22 infraccións, o que sitúa o nivel de incumprimento por debaixo do 1%, tanto en condutores como en ocupantes.

ELEMENTO BÁSICO DE SEGURIDADE

O uso do cinto de seguridade é un elemento básico e fundamental da seguridade viaria e reduce á metade o risco de morte en caso de accidente. O airbag non é eficaz se non se complementa coa utilización do cinto de seguridade. A súa utilización tamén é importante nos asentos traseiros do vehículo, xa que protexe tanto de saír despedido do habitáculo como de impactar contra o parabrisas. A 80 quilómetros por hora, un choque frontal sen levar posto o cinto de seguridade adoita levar aparellada a morte ou lesións graves. No caso dos envorcos, o cinto reduce nun 77% o risco de morte.

En canto aos sistemas de retención infantil, son obrigatorios para nenos e nenas cunha altura inferior a 1,35 metros, e recomendables ata os 1,50. As cadeiras deben estar instaladas de acordo coa altura e peso. En todos os casos, a banda diagonal do cinto debe pasar pola clavícula sobre o ombro e ben pegada ao peito, mentres que a banda ventral ten que quedar o máis baixa posible sobre a cadeira. 

Comentarios